Biografía | |
---|---|
Nacemento | século VII |
Morte | 716 |
Lugar de sepultura | Lichfield |
Rei de Mercia | |
709 – 716 ← Coenred de Mercia – Aethelbald de Mercia → | |
Actividade | |
Ocupación | monarca |
Familia | |
Cónxuxe | Werburh |
Fillos | Werburh (en) |
Pai | Aethelred de Mercia |
Irmáns | Ceolwald de Mercia, Osric, King of the Hwicce (en) e Oshere (en) |
Ceolred foi o rei de Mercia, reino situado no que hoxe constitúen as actuais Midlands inglesas, entre 709 e 716.
A finais do século VII, Inglaterra atopábase dividida en reinos gobernados polos anglosaxóns, pobo que emigrara a Britania uns douscentos anos antes. O reino de Mercia ocupaba o que hoxe constitúen as actuais Midlands inglesas, e colindaba con Northumbria ao norte, Anglia Oriental ao leste, e Wessex, o reino dos saxóns occidentais, ao oeste[1]. O reino de Essex, o dos saxóns orientais, incluía a cidade de Londres e atopábase entre Anglia Oriental e o reino de Kent[2].
A principal fonte da que procede a información sobre este período é o monxe Beda, autor de Historia ecclesiastica gentis Anglorum, obra que completou ao redor do ano 731. A pesar de que se enfoca na historia da Igrexa, a obra ofrece valiosa información sobre os reinos anglosaxóns temperáns. Beda contaba con informantes que lle achegaban os detalles da historia eclesiástica en Wessex e Kent, pero parece que non tivo ese tipo de contacto en Mercia[3]. Doutra banda, tamén perviviron até os nosos días algunhas cartas de Ceolred, nas que se rexistraban os outorgamentos de terra a individuos e a ordes relixiosas, así como a Crónica anglosaxoa, compliada en Wessex a finais do século XII, pero que incorpora material máis antigo[4][5][6][7].
O pai de Ceolred, Aethelred, chegou ao trono de Mercia en 675, tras a morte do seu irmán Wulfhere. Aethelred abdicou en 704 e marchou a Roma, deixando o reino ao seu sobriño Coenred, fillo de Wulfhere.
O reducido prestixio que alcanzaron tanto Ceolred como o seu predecesor, Coenred, poida que servisen para que aparecese certo descontento contra a nobreza de Mercia. Aethelbald atopábase no exilio na época do reinado de Ceolred, e a existencia dunha facción hostil de Ceolred podería indicar unha insatisfacción máis xeral contra a liña gobernante[8].
En 709 Coenred abdicou en favor de Ceolred[9]. Coenred acudiu a Roma e converteuse en monxe, sendo ordenado polo papa Constantino[10]. En xeral os historiadores aceptaron a versión de Beda sobre a abdicación de Coenred, pero Barbara Yorke tamén suxeriu a posibilidade de que non renunciase ao trono de forma voluntaria. Existen casos de reis que foron desposuídos do trono á forza e logo obrigados a entrar a formar parte de ordes relixiosas, debido a que a condición de monxe os volvía incapaces para ser reis. Ese foi o caso, por exemplo, de Osred II de Northumbria, que foi obrigado a entrar nun mosteiro[10].
Ceolred era fillo de Aethelred, pero a súa nai non era Osthryth, a única esposa rexistrada que tivo Aethelred. e poida que aínda fose mozo no momento do seu acceso ao trono[11]. Gran parte do que aparece rexistrado sobre Ceolred é negativo, acusándoo de cometer crimes e de inmoralidade, aínda que isto podía reflectir simplemente o dar un trato pobre ao estamento eclesiástico[11][12]. En 715 coñécese a existencia dunha batalla de Mercia, comandada por Ceolred, contra os Saxóns Occidentais, dirixidos por Ine de Wessex, nun lugar chamado "Woden's Barrow", pero descoñécese o resultado final desta batalla, que foi o resultado dunha invasión dirixida por Ceolred contra o territorio de Wessex[13].
Ceolred estivo casado con Santa Werburgh[14].
Ceolred confirmou un outorgamento a Waldhere, bispo de Londres, o cal é unha evidencia de que Londres se atopaba firmemente controlada por Mercia durante o seu reinado[15]. Posteriores reis de Mercia trataron a Londres como unha posesión directa, e non tanto como unha provincia gobernada por un rei vasalo, pero Ceolred non chegou tan lonxe[16][17]. Sobreviviron tres cartas posibelmente xenuínas de Ceolred[18].
Ceolred morreu en 716. San Bonifacio describiu posteriormente a súa morte como o resultado dun frenesí de tolemia que tivo lugar durante un banquete, "falando cos demos e maldicindo aos sacerdotes de Deus". Sucedeuno no trono Aethelbald de Mercia, un membro doutra rama da familia real de Mercia que fora obrigado a exiliarse durante o goberno de Ceolred[11]. Ceolred foi enterrado en Lichfield[13].
Reis de Mercia | |
---|---|
Orixes | |
século VII | |
século VIII | |
século IX | |
En cursiva os « señores de Mercia » que recoñecen a soberanía de Wessex. |