Biografía | |
---|---|
Nacemento | século VII |
Morte | 5 de agosto de 642 (Gregoriano) |
Monarca | |
Rei de Mercia | |
← Creoda de Mercia – Wulfhere de Mercia → Xunto con: Penda | |
Actividade | |
Ocupación | guerreiro |
Familia | |
Familia | Iclingas (en) |
Fillos | Alweo (pt) , Osmod (en) |
Pai | Pybba de Mercia |
Irmáns | Penda |
Eowa de Mercia (ou Eawa de Mercia) foi un dos fillos de Pybba rei de Mercia e irmán do rei Penda de acordo coa Historia Brittonum e Annales Cambriae[1][2].
Estas dúas fontes establecen que Eowa foi rei dos mercios no momento da Batalla de Maserfield (ou Cogwy), na que foi asasinado, o 5 de agosto do que foi probabelmente o ano 642. Os posteriores reis de Mercia Aethelbald, Offa e Ecgfrith eran descendentes de Eowa; o período do seu goberno comezou en 716, despois da morte de Ceolred, neto de Penda, e terminou coa morte de Ecgfrith en decembro de 796.
Na batalla de Maserfield Oswald de Northumbria foi derrotado e asasinado polos mercios baixo o mando de Penda. Eowa tamén morreu nesta batalla, aínda que se sabe pouco acerca diso. Suxeriuse que Eowa puido ser un cogobernante da mercios xunto con Penda, ou mesmo cun status superior ao que Penda tiña nese momento (se é así, isto podería explicar por que a Historia Brittonum parece datar o reinado de Penda a partir da batalla de Maserfield), e que podería estar suxeito a Oswald e por tanto loitar como o seu aliado na batalla[3]. É posíbel que fose costume entre os mercios até ese momento que houbese máis dun rei, e que Penda e Eowa puidesen gobernar aos mercios do sur e do norte respectivamente[4].
Nin Beda, na súa Historia ecclesiastica gentis Anglorum, nin a Crónica anglosaxoa mencionan a participación ou morte de Eowa en Maserfield, ou que previamente fose rei de Mercia, aínda que a Crónica o menciona ao trazar a xenealoxía de Aethelbald e Offa.
Nicholas Brooks escribiu que se se considera que Eowa gobernou durante o período comprendido entre aproximadamente 635 e Maserfield, isto podería explicar o rexistro dunha escura incursión galesa no territorio de Mercia, durante a cal se di que non se mostrou piedade para «cos monxes que posuían os libros». Brooks sinalou que se Eowa era monicreque de Northumbria, habería a posibilidade de que Oswald puidese tomar medidas para promover o cristianismo en Mercia durante ese tempo, o que explica a presenza de monxes no que era aínda un reino pagán. Xa que se coñece que Penda foi aliado dos galeses, isto, xunto coa presenza dos monxes, fai parecer pouco probábel que o ataque tivese lugar durante o seu goberno[3].
A Crónica anglosaxoa rexistra a liñaxe do seu neto Aethelbald, que gobernou desde o 716 até o 757. máis adiante, dá a liñaxe do seu tataraneto Offa, que gobernou de 757 a 796 e descendía de Osmod fillo de Eowa. A suposta ascendencia esténdese até Woden. A Historia Brittonum di que Pybba tivo 12 fillos, pero que Penda e Eowa foron os dous máis coñecidos[5].
Reis de Mercia | |
---|---|
Orixes | |
século VII | |
século VIII | |
século IX | |
En cursiva os « señores de Mercia » que recoñecen a soberanía de Wessex. |