Cidade da Cultura
CoordenadasCoordenadas: 42°52′13″N 8°31′32″O / 42.870162, -8.52567
PaísEspaña
CidadeSantiago de Compostela
TipoCultural, histórico
AdministradorXunta de Galicia
Construción2001-2011
Inauguración11 de xaneiro de 2011
Superficie150 000 m²
Na rede
http://www.cidadedacultura.gal/
editar datos en Wikidata ]
A Cidade da Cultura en 2009.

A Cidade da Cultura de Galicia (CDC) é un complexo arquitectónico que se atopa no monte Gaiás, na cidade de Santiago de Compostela, pertencente á Xunta de Galicia. As funcións dos edificios son múltiples, dende a Biblioteca e Arquivo de Galicia ou o Museo Centro Gaiás que se adican á difusión, conservación e investigación cultural, a edificios como o CINC ou o CEM, centrados na tecnoloxía e o emprendemento empresarial. Ten tamén unha extensa rede de áreas verdes para practicar deporte e pasar tempo de lecer.

No eido da cultura, a súa programación incluíu nestes anos exposicións, concertos, teatro e todo tipo de charlas e encontros con artistas e divulgadores culturais.

Na actualidade, o complexo está rematado e en funcionamento. O complexo foi construído por Copasa e Necso (Acciona), San José con Dragados (ACS), e FCC.[1] O seu orzamento era de 108 millóns de euros, a súa construción custou uns 300 millóns de euros, o custo total tería sido duns 500 millóns se fose rematado seguindo o plan orixinal do seu arquitecto, Peter Eisenman.[2][3]

Arquitectura

A Cidade da Cultura na paisaxe.
Corredor dun dos edificios da Cidade da Cultura.

Concurso

O proxecto de construción da Cidade da Cultura de Galicia naceu no ano 1999 cando a Xunta de Galicia convocou un concurso internacional para escoller o proxecto que rexería a súa construción no monte Gaiás. É a propia Xunta quen convida a Ricardo Boffil[4], Peter Eisenman[5], Manuel Gallego Jorreto[6], Annette Gigon e Mike Guyer[7], Steven Holl[8], Rem Koolhaas[9], Daniel Libeskind[10], Juan Navarro Baldeweg[11], Jean Nouvel[12], Santiago Calatrava, Dominique Perrault[13] e César Portela[14]. Aínda que Santiago Calatrava e o seu estudio finalmente non van tomar parte no concurso.[15]

Unha vez avaliadas tódalas propostas, elixiuse o proxecto do grupo Eisenman Architects, atendendo, segundo o fallo do concurso, "A súa singularidade tanto conceptual como plástica, e súa excepcional sintonía co lugar".[16]

O arquitecto

Peter Eisenman (Newark, Nova Jersey, 1932) é un prestixioso arquitecto estadounidense membro do grupo Five Architects de Nova York. Licenciado en Arquitectura pola Universidade Cornell, Eisenman é doutor en Filosofía pola Universidade de Cambridge e en Belas Artes pola Universidade de Chicago. Impartiu docencia nalgunhas das universidades máis prestixiosas do mundo, como Harvard, Cambridge, Princeton, Yale e Ohio. En 1980 estableceu un estudio de arquitectura de seu na cidade de Nova York.[17]

Proxecto

Cidade da Cultura é un complexo englobado dentro da arquitectura deconstrutivista. Deseñado a partir da mestura de diferentes ideas por parte de Peter Eisenman.

A idea fundamental é a idea da montaña. Os edificios están situados na parte máis alta do monte Gaiás e compórtanse como unha cima artificial para unha montaña natural. Ademais, non só imitan as formas da montaña senón que se funden coa propia orografía do terreo relacionando o edificio coas teses do land Art e tamén coa obra do italiano Alberto Burri no Cretto de Gibellina en Sicilia.

Están presentes tamén en todos os edificios a superposición de tramas ou grellas, algo que vai a ser común na obra de Peter Eisenman como se pode ver no seu Memorial os Xudeus Asasinados en Europa de Berlín, onde traballa sobre a mesma idea. As grellas están presentes en todos os elementos arquitectónicos do complexo, nos pavimentos, nos muros e incluso nas superficies acristaladas.

Eisenman réndelle tributo á cidade histórica de Santiago superpoñendo a súa trama urbana sobre o monte Gaiás e estabelecendo paralelismos entre elas. No deseño orixinal, incluíu unha referencia xacobea dándolle a todo o complexo unha forma semellante á dunha cuncha de vieira, pero as diferentes modificacións que sufriu o proxecto fixeron que hoxe non se poida apreciar.

O arquitecto parte destas ideas para artellar os volumes do complexo e posteriormente preocúpase de asignarlle unha función específica a cada un deles. Peter Eisenman recolle no seu libro Codex, publicado en 2005, todo o seu discurso teórico en torno ó deseño da Cidade da Cultura.[18][19]

Obras e redefinición

As obras de construción do complexo comezaron no ano 2001, dous anos despois da convocatoria do concurso, cun presuposto inicial de 108 millóns de euros.[20] Nun primeiro momento a Cidade da Cultura estivo formada por seis edificios (Biblioteca, Hemeroteca, Teatro da Música, Museo da Historia de Galicia, Novas Tecnoloxías e Servizos Centrais). O tamaño das obras, o desfase entre o custo real e o presupostado e a tardanza na execución das obras espertaron movementos de oposición a este proxecto, que era cualificado de faraónico por organizacións cidadás[21] e profesionais.[22]

Tralo cambio de goberno na Xunta de Galicia, en agosto do ano 2005 a nova Consellería de Cultura e Deporte decidiu redefinir o proxecto co fin de darlle un xiro ao uso dos edificios que beneficiase ao conxunto global do proxecto de Eisenman.[23] O 26 de decembro de 2006 presentouse no Parlamento Galego o novo proxecto de usos da Cidade da Cultura.

Cando se presentou o proxecto de redefinición, parte das obras da Cidade da Cultura xa estaban nunha fase avanzada da súa execución: o edificio da hemeroteca atopábase practicamente rematado, o da biblioteca na metade da súa construción e o Museo da Historia de Galicia nun terzo construído. O traballo de redefinición do proxecto concentrouse, logo da presentación da redefinición, nos usos e contidos dos edificios do Teatro da Música e o Edificio de Novas Tecnoloxías, aínda en fase inicial de construción. Así, no mes de xaneiro de 2006, a Consellería de Cultura e Deporte anunciou a suspensión das obras do Teatro da Música e do edificio das Novas Tecnoloxías por un período de catorce meses. Neste tempo a Consellería contactou con sectores vencellados coa cultura de Galicia para levaren a cabo a redefinición estrutural destes edificios, entre outros co Consello da Cultura Galega e co Museo do Pobo Galego.

Tras a toma de posesión do goberno bipartito o parlamento galego constituíu unha comisión de investigación para esclarecer a xestión do anterior goberno. Dita comisión emitiu as súas conclusións en decembro do 2007, propoñendo enviar o seu ditame ao ministerio fiscal.[24] A loita política chegou ata os tribunais, ao presentar a CIG unha denuncia contra altos cargos do goberno anterior polas presuntas irregularidades cometidas na xestión da Cidade da Cultura, e que finalmente foi arquivada.[25]

O custo final do proxecto foi de 475.9 millóns de euros, máis de catro veces o orzamento inicial.[26]

As obras de construción da Cidade da Cultura foron obxecto de atención do programa Extreme Engineering, emitido en Discovery Channel, que se centra en presentar proxectos arquitectónicos e de enxeñería caracterizados polo seu tamaño ou dificultade excepcionais.[27]

Edificios e funcións

Biblioteca de Galicia.
Instalacións do Arquivo.

O complexo do Gaiás ocupa unha superficie de 141.800 metros cadrados. Segundo as previsións actuais, constará dos seguintes edificios:

A maiores o Gaiás conta cunha rede de espazos verdes para uso deportivo ou de lecer. A meirande parte do seu deseño está tutelado pola arquitecto paisaxista galega Isabel Aguirre e a Fundación Juana de Vega.

Imaxe tomada en xuño de 2006.

Eventos

Dende a súa posta en marcha realizarose no Gaiás actividades expositivas, deportivas, musicais, rodaxes, feiras, congresos e un longo etcétera.

Música

Bjork actuou en Cidade da Cultura en xullo de 2012. Sendo un dos primeiros eventos multitudinarios en acollerse no recinto.

Durante o verán existe unha programación de concertos aire libre que se ven realizando dende o ano 2012 baixo o nome de Atardeceres no Gaiás. Polo escenario do complexo temen pasado entre outros; Fanfarlo, Toy, Tachenko, Caxade, Manel, Los Punsetes, María Rodés, La Habitación Roja, León Benavente, Novedades Carminha, Mucho, Malandrómeda, C. Tangana, Boyanka Kostova, Triángulo de Amor Bizarro, Nudozurdo, Terbutalina, Espanto, Familia Caamaño, Oh! Ayatollah, Rodrigo Cuevas, Las Odio, Agoraphobia ou De Vacas.

Noutros espazos e ciclos de programación visitaron a Cidade da Cultura, Carlos Nuñez, Noa, Chick Corea, María Arnal e Marcel Begues, Milladoiro, Siniestro Total, Os Resentidos, Real Filharmonía de Galicia, Orquesta Galega de Cámara, Amancio Prada, Ugía Pedreira, Susana Seivane, Xosé Manuel Budiño, Cristina Pato, Uxía Senlle, Davide Salvado ou Leilía entre outros.

O Museo Centro Gaias tamén albergou dúas edicións a feira internacional de músicas do mundo Womex[37][38].

Artes escénicas

Escenas do Cambio é un festival de teatro e danza que produce a Cidade da Cultura centrado na creación contemporánea. Esther Ferrer, Isidoro Valcárcel, Medina, Mithkal Alzghair, Tiago Rodrigues, Israel Galván, Voadora, Takao Kawaguchi, Chévere ou Rodrigo García entre outros moitos artistas e compañías formaron parte da programación do festival. Aínda que o Museo Centro Gaiás é a sede principal do festival, algunhas pezas represéntanse noutros lugares da cidade como o Salón Teatro ou o Teatro Principal.

Cidade Imaxinaria é unha actividade que xira en torno o mundo do circo e que congrega a varios milleiros de persoas en cada edición. Vense celebrando desde o ano 2012[39][40].

O 29 de xullo de 2020 actuou a compañía catalana La Fura dels Baus co seu novo espectáculo NN (Nova Normalidade) no que se busca homenaxear ás persoas que combaten a COVID-19[41].

Exposicións

O principal espazo expositivo da Cidade da Cultura é o Museo Centro Gaiás, que non posúe unha colección de seu e que acolle e organiza exposicións temporais. Dende a primeira exposición en 2012 pasaron polo Museo Centro Gaiás:

O Códice Calixtino estivo exposto na Cidade da Cultura na exposición Códices.

As Torres Hejduk tamén se empregan como espazo expositivo, convidando a artistas en activo a intervir os propios edificios. A Biblioteca e Arquivo de Galicia tamén organiza exposicións nas que xeralmente traballan con material que as propias institución teñen nos seus fondos para poder amosalas o público.

Puntualmente tamén se empregan os espazos o aire libre para organizar exposicións como foi o caso de Inside en 2011 ou Reveladas na Paisaxe en 2018 e 2019.

Deporte

A derradeira etapa de La Vuelta do ano 2014 foi unha loita contra o reloxo individual de 9 quilómetros con saída na Cidade da Cultura e chegada na Praza do Obradoiro. O gañador da etapa foi o italiano Adriano Malori e a clasificación xeral foi para Alberto Contador. A etapa foi infrecuente non só porque tradicionalmente La Vuelta remata en Madrid, senón tamén porque a choiva fixo que os ciclistas afrontasen a etapa con medo ás caídas[43].

O 5 de outubro de 2018 inaugurouse "Castelao Maxistral". Entre os días 3 e 15 de novembro do mesmo ano a Cidade da Cultura acolleu o Mundial de Xadrez Cadete, con participantes de ata 12 anos de idade.[44]

No ano 2011 o Gaiás estivo preto de acoller as semifinais da Copa Davis entre España e Francia aínda que finalmente esta organizou en Córdoba[45].

Comunicación

Ten unha única liña de autobús que a comunica co centro da cidade, a liña 9 (Cidade da Cultura-Casas Novas) (só os días laborais). Tamén está comunicada coa liña circular 11, que a comunica tamén co centro (só as fins de semana e festivos).

Galería de imaxes

Véxase tamén: Galería de imaxes da Cidade da Cultura de Galicia.

Notas

  1. "La empresa que colocó las piedras del Gaiás se desvincula ahora de la obra" La Voz de Galicia.
  2. "La Xunta tasa el Gaiás en 80 millones menos de lo que costó a los gallegos" La Voz de Galicia.
  3. La Cidade da Cultura, un despilfarro de casi 500 millones Arquivado 24 de decembro de 2017 en Wayback Machine. Diario de León.
  4. "Ricardo Bofill | Cidade da Cultura". www.cidadedacultura.gal. Consultado o 2020-04-01. 
  5. "Peter Eisenman | Cidade da Cultura". www.cidadedacultura.gal. Consultado o 2020-04-01. 
  6. "Manuel Gallego | Cidade da Cultura". www.cidadedacultura.gal. Consultado o 2020-04-01. 
  7. "Annette Gigon / Mike Guyer | Cidade da Cultura". www.cidadedacultura.gal. Consultado o 2020-04-01. 
  8. "Steven Holl | Cidade da Cultura". www.cidadedacultura.gal. Consultado o 2020-04-01. 
  9. "Rem Koolhaas | Cidade da Cultura". www.cidadedacultura.gal. Consultado o 2020-04-01. 
  10. "Daniel Libeskind | Cidade da Cultura". www.cidadedacultura.gal. Consultado o 2020-04-01. 
  11. "Juan Navarro | Cidade da Cultura". www.cidadedacultura.gal. Consultado o 2020-04-01. 
  12. "Jean Nouvel | Cidade da Cultura". www.cidadedacultura.gal. Consultado o 2020-04-01. 
  13. "Dominique Perrault | Cidade da Cultura". www.cidadedacultura.gal. Consultado o 2020-04-01. 
  14. "César Portela | Cidade da Cultura". www.cidadedacultura.gal. Consultado o 2020-04-01. 
  15. "Concurso de ideas | Cidade da Cultura". www.cidadedacultura.gal. Consultado o 2020-04-01. 
  16. "Concurso de ideas". Arquivado dende o orixinal o 17 de maio de 2009. Consultado o 30 de decembro de 2008. 
  17. "Biografía Peter Eisenman". Arquivado dende o orixinal o 19 de abril de 2009. Consultado o 30 de decembro de 2008. 
  18. "City of Culture of Galicia 2011 — EISENMAN ARCHITECTS". eisenmanarchitects.com (en inglés). Consultado o 2020-04-01. 
  19. Eisenman, Peter (2005). Codex. The Monacelli Press. ISBN 1580931383. 
  20. Público, 7 de novembro do 2007.
  21. "Plataforma "Cultura si, mausoleo non". Arquivado dende o orixinal o 14 de xaneiro de 2010. Consultado o 27 de febreiro de 2010. 
  22. El colegio de arquitectos critica la Cidade da Cultura y la compara con un centro comercial. La Voz de Galicia.
  23. "Redefinición do proxecto". Arquivado dende o orixinal o 19 de abril de 2009. Consultado o 30 de decembro de 2008. 
  24. El País, 11 de decembro do 2007
  25. Archivan el caso Arquivado 02 de febreiro de 2010 en Wayback Machine. de la Cidade da Cultura al no encontrar indicios de delito penal. Xornal.com
  26. El coste final de la Cidade da Cultura será de 475,9 millones El País.
  27. "Ciudad de la Cultura de Santiago de Compostela", no programa Megaconstrucciones de Discovery Channel (en castelán).
  28. "Un corazón digital enterrado en el Gaiás". Faro de Vigo (en castelán). Consultado o 2020-04-30. 
  29. "Feijóo anuncia que se situará na Cidade da Cultura o edificio Fontán, onde se instalarán os servizos compartidos entre as tres universidades galegas". Xunta de Galicia. 28 de maio de 2018. Arquivado dende o orixinal o 12 de xuño de 2018. 
  30. "La suspensión de las obras en la Cidade da Cultura hasta 2014 costará 447.000 euros" Faro de Vigo.
  31. "Bosque de Galicia | Cidade da Cultura". www.cidadedacultura.gal. Consultado o 2020-04-30. 
  32. "Xardín do Teatro | Cidade da Cultura". www.cidadedacultura.gal. Consultado o 2020-04-30. 
  33. "Parque da Balea e contorna | Cidade da Cultura". www.cidadedacultura.gal. Consultado o 2020-04-30. 
  34. "Los parques del lago y de A Balea, dos secretos aún por descubrir en el Gaiás". La Voz de Galicia (en castelán). 2017-11-29. Consultado o 2020-04-30. 
  35. "Xardín Literario | Cidade da Cultura". www.cidadedacultura.gal. Consultado o 2020-04-30. 
  36. "A Xunta investirá outros 17 millóns de euros nun novo edificio para a Cidade da Cultura". Historia de Galicia. 2 de xuño de 2018. 
  37. "Womex reúne en Santiago a más de 2.600 profesionales de la industria musical de 50 países". Faro de Vigo (en castelán). Consultado o 2020-04-15. 
  38. "Womex'16 | Cidade da Cultura". www.cidadedacultura.gal. Consultado o 2020-04-15. 
  39. "El Gaiás toca techo con los festivales para toda la familia". www.elcorreogallego.es (en castelán). Consultado o 2020-05-12. 
  40. "A Xunta cifra o seguimento de 'Cidade Imaxinaria' en 9.200 personas". www.elcorreogallego.es (en castelán). Consultado o 2020-05-12. 
  41. SL, POMBAPRESS. "A Fura dels Baus leva ata a Cidade da Cultura a súa reflexión sobre a 'Nova Normalidade' e o mundo tras a corentena". Galiciapress. Consultado o 2020-07-21. 
  42. "Castelao maxistral. A boa obra ao mestre honra". Consultado o 3 de decembro de 2018. 
  43. "Vuelta a España 2014. Etapa 21. Contador gana su tercera Vuelta a España". Ciclismoafondo.es (en castelán). Consultado o 2020-04-15. 
  44. "As promesas do xadrez reúnense en Santiago de Compostela". 4 de novembro de 2018. Consultado o 3 de decembro de 2018. 
  45. País, Ediciones El (2011-07-22). "Conde Roa propone la Cidade da Cultura para la Copa Davis". El País (en castelán). ISSN 1134-6582. Consultado o 2020-04-15. 

Véxase tamén

Ligazóns externas