O dote[1] é o patrimonio que a familia da noiva entregan ao noivo para soster as futuras cargas do matrimonio e que en moitos casos é directamente proporcional ao status social do futuro esposo. O dote outórgase ao marido, quen o administra durante a duración do matrimonio, xa que en caso de divorcio tería que devolvelo.
Nalgunhas culturas, o dote forma parte dun intercambio de riquezas entre as familias contraentes acompañado dun certo pago do noivo ou da súa familia á familia da noiva, denominado excrex. Este pago é relativamente frecuente nalgunhas culturas africanas, mentres que o dote sería máis propio de Oriente Próximo, o sur de Asia (China, India) e algunhas sociedades europeas.
A pesar de que nestes países asiáticos se prohibe expresamente o dote a mediados do século XX, esta práctica segue sendo bastante común e en ocasións suscitou problemas cando non se poden satisfacer as esixencias do marido, o que carrexa malos tratos ou ata uxoricidios ou outros tipos de asasinatos.
Nalgunhas rexións de Europa conservouse a tradición do enxoval, que antigamente consistía no conxunto de aveños, mobles e roupas achegadas pola familia da noiva e que hoxe tamén pode facerse extensible á familia do noivo.
Noutras culturas, como nos pobos xermánicos do medievo, aparece un fenómeno marital denominado Morgengabe, que consistía nun pago da noiva á familia do noivo.
O mahr é un fenómeno parecido ao Morgengabe xermánico pero na cultura islámica que se menciona no Corán no versículo 4:4.