Estribo moderno empregado en carreiras de enduro ecuestre

Os estribos[1] son pezas de formas diversas que permiten que o xinete dun cabalo introduza os pés nelas para afianzarse mentres cabalga. Fixados á sela, permiten unha maior seguridade e comodidade, tanto para o cabalo como para o xinete, que pode así controlar mellor a súa montura.

Tamén se atopan noutros vehículos, como nos vagóns[1] ou nas motocicletas; nestas empréganse para apoiar os pés. O estribo esquerdo do piloto está por detrás da panca de cambios e o dereito detrás do pedal de freo (freo da roda traseira). Os estribos do pasaxeiro sitúanse nunha posición cómoda para este, aos lados da roda traseira.

Historia

Imaxe dunha divindade cuxana empregando un estribo primitivo (arredor do ano 150)

Os primeiros protoestribos, consistentes nunha corda que unía a sela coa deda gorda do xinete, apareceron na India entre os séculos II e I a.C.[2][3] De alí pasaron á China arredor do ano 300,[4] onde, debido ao clima máis frío, comezaron a atarse arredor do pé calzado e non só sobre o dedo. Posteriormente, os chineses comezaron a fabricar estribos metálicos, de bronce ou ferro fundido. Dende a China, o uso do estribo estendeuse aos nómades turco-mongois da Asia central[4][5] a Corea e ao Xapón. Os hunos introducíronos en Persia no século IV e en Europa contra o século V, aínda que non hai noticias da súa adopción pola cabalaría imperial romana ata aproximadamente un século máis tarde, xa despois da caída do imperio de occidente. Á súa vez, os árabes tomárono dos persas e dos bizantinos.

Pola súa banda, os invasores xermanos do Imperio Romano adoptaron rapidamente o uso dos estribos. Isto mellorou a eficacia da súa cabalaría ata o punto de que foi unha das causas da derrota dos romanos na batalla de Adrianópole (378), e do ocaso do modelo clásico da lexión romana, provocando unha crise militar sen precedentes. O estribo, que permitía ao xinete loitar con comodidade e maximizaba o impacto da carga, iniciara unha nova era en Europa, a da cabalería pesada, que dominou os campos de batalla medievais durante máis de mil anos.

Notas

  1. 1,0 1,1 Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para estribo.
  2. Saddles, Author Russel H. Beatie, Publisher University of Oklahoma Press, 1981, ISBN 080611584X, 9780806115849 P.28
  3. White, Lynn Townsend. Medieval Technology and Social Change, Publisher Oxford University Press, 1964, ISBN 0195002660, 9780195002669 P.14
  4. 4,0 4,1 Dien, Albert. "THE STIRRUP AND ITS EFFECT ON CHINESE MILITARY HISTORY, consultado o 23 de xaneiro de 2017]
  5. Baber, Zaheer (1996). The Science of Empire: Scientific Knowledge, Civilization, and Colonial Rule. State University of New York Press (publicado o 16 de maio de 1996). p. 69. ISBN 978-0791429204. 

Véxase tamén

Bibliografía

Ligazóns externas