Coordenadas: 43°30′41″N 8°20′18″O / 43.511268216057, -8.3384100309669
Illas Gaveiras | |
---|---|
Illas Gaveiras, vistas dende o castro de Lobadiz | |
Illas Gaveiras, vistas dende o castro de Lobadiz.
| |
Situación | |
País | Galiza |
Provincia | A Coruña |
Arquipélago | Illas Gaveiras |
Mar | Atlántico |
Demografía | |
Capital | Ferrol |
Poboación | despoboada |
Densidade | 0 hab./km² |
As Illas Gaveiras é un pequeno arquipélago galego situado na costa da parroquia de San Xurxo da Mariña, en Ferrol. O arquipélago está formado por dúas illas: a illa Gaveira de Terra e a illa Gaveira de Mar, aínda que en realidade ámbalas dúas están unidas por un cordón rochoso conformando unha illa soa.
Na actualidade a illa atópase despoboada. Non obstante, existe evidencia da presenza de poboados castrexos, probabelmente en relación co castro de Lobadiz situado na costa en fronte das illas, a poucos quilómetro destas. Restos de cerámicas foron atopados nas illas, o que apoia á idea da presenza humana nas illas na antigüidade.
As dúas illas pertencen a diferentes idades xeolóxicas, o que lles proporciona diferentes cores. Gaveira de Terra, a máis achegada á costa, ten aproximadamente 0,06 hectáreas, e está formada polos mesmos materiais que os cantís costeiros. Porén, Gaveira de Mar, a máis afastada da costa, posúe unha característica cor negra, dada a súa orixe xeolóxica distinta, composta por rochas ígneas de minerais ultrabásicos cristalizados.
A poboación animal das illas é a típica da costa atlántica[1]: gaivota patiamarela, corvo mariño cristado e aves infrecuentes nas costas galegas coma a gralla cerexeira, a gralla biquivermella, ou o anduriñón real (Apus melba), está última formando na illa unha das colonias máis importantes de Galicia.[2] As illas teñen un carácter fortemente rochoso, polo que a vexetación é escasa. Gaveira de Mar é, de entre as dúas, a que presenta unha maior poboación de especias vexetais. Destacan as especies Lavatera arborea, a herba de mamorar ou o pirixel de mar.
Existe unha lenda na cultura popular ferrolá que di que na antigüidade existía unha ponte colgante que unía a costa ferrolá e o castro de Lobadiz coas illas.