Localización | |||||
---|---|---|---|---|---|
| |||||
Estado | España | ||||
Comunidade autónoma | Galicia | ||||
Provincia | Provincia de Pontevedra | ||||
Capital | Arousa | ||||
Poboación | |||||
Poboación | 4.876 (2023) (696,57 hab./km²) | ||||
Xeografía | |||||
Parte de | |||||
Superficie | 7 km² | ||||
Altitude | 9 m | ||||
Organización política | |||||
• Alcalde da Illa | Luís Arosa | ||||
Eleccións municipais na Illa de Arousa | |||||
Identificador descritivo | |||||
Código postal | 36626 | ||||
Fuso horario | |||||
Código INE | 36901 | ||||
Páxina web | ailladearousa.es |
A Illa de Arousa é unha illa e concello da provincia de Pontevedra, situada no interior da ría de Arousa. Segundo o IGE en 2021 tiña 4951 habitantes. O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é arousán/arousana e tamén Carcamán.
A poboación da Illa de Arousa mantense bastante estable nos últimos anos sobre os cinco mil habitantes[1].
Censo total, en 2015 | 4956 habitantes |
---|---|
Menores de 15 anos | 733 (14,79 %) |
Entre 15 e 64 anos | 3246 (65,5 %) |
Maiores de 65 anos | 977 (19,71 %) |
O concello da Illa de Arousa está formado polas illas Arousa (a de maior extensión), Guidoiros e Areoso.
A illa ten unha superficie de 7 km², acadando a súa maior altitude no Con do Forno (68 m). Desde setembro de 1985 está unida ao continente por unha ponte de 2 km.
Algunhas das súas praias son A Area da Secada, A Lavanqueira, O Vao, Camaxe, Carreirón, Espiñeiro e O Cabodeiro.
A illa ten catro peiraos: O Xufre (onde se comercializa o marisco e o peixe), Cabodeiro, Naval e O Campo. Hai tres paseos marítimos: O Campo, O Cantiño e o que vai do IGAFA (Instituto Galego de Formación en Acuicultura) á Area da Secada. É tamén de interese turístico o faro de Punta Cabalo.
As precipitacións danse en inverno e en outono e en menor cantidade en primavera; no verán as precipitacións son menores de 50 mm. En todo o ano danse máis de 1000 mm de choivas e é rara a vez que cae algunha nevada en inverno xa que a última foi no 1985. As temperaturas medias de inverno son de 10 °C e no verán de 21,5 °C, con máximas de 40 °C en agosto.
O miradoiro do Santo é o punto máis alto da illa dende onde se pode contemplar a vila e parte da súa contorna.
A illa xa foi habitada nos primeiros tempos do Paleolítico (quedando mámoas na illa Guidoiro Areoso) e na idade de bronce, en épocas en que o nivel do mar era máis baixo. Da época romana quedan restos dunha vila preto da punta do Naso, e localizouse unha necrópole na praia dos Bufos.
No ano 912 a metade da illa pasou a pertencer ao mosteiro de San Martiño Pinario, da orde de san Bieito, trala doazón do bispo de Iria Sisnando. No ano 929 o rei Afonso IV fundou o mosteiro de San Xián.
No século XII, ante as invasións dos normandos, o arcebispo Xelmírez ordenou a construción de naves e torres para protexer a costa, converténdose a illa nun punto de encontro para as tropas.
A partir de 1845 desenvolveuse a industria de salgado e pesca da sardiña, chegando a haber sete factorías. En 1879 inaugurouse a fábrica de salgado Goday, a segunda implantada en Galicia.
Trala división territorial de 1833 converteuse en concello, pero en 1873 pasou a formar parte de Vilanova de Arousa, ao que pertenceu até 1996 agás entre 1935 e 1945, cando formou parte de Vilagarcía de Arousa. En 1996 volveu ser concello de seu, logo da presión social da veciñanza.
O 7 de outubro de 1934 tivo lugar a Independencia da Illa de Arousa que durou unhas horas.[2]
O 14 de setembro de 1985 inaugurouse a ponte que une a illa a terra, que dinamizou a economía da poboación. Até entón os desprazamentos tiñan lugar en pequenos barcos.
Tradicionalmente a economía estivo baseada na pesca e no marisqueo, pero actualmente está máis diversificada.
Os maiores clubs deportivos da illa son o Céltiga Fútbol Club, fundado na década de 1920, os clubs de piragüismo e baloncesto (CB Dorna) nados da década de 1980, e outras seccións deportivas da Asociación Cultural e Deportiva Dorna, impulsora tamén da revista Dorna de literatura galega e da Escola de Navegación Tradicional Dorna. No ano 2000 fundouse o CXR Arousa, participante e organizador de distintos eventos de ximnasia rítmica.[6]
Un xentilicio popular aplicado ós veciños da Illa de Arousa é o de Carcamán [7]. Este apelativo xa fora recollido no Diccionario Gallego-Castellano da Real Academia Galega de 1913 e polo Diccionario enciclopédico gallego-castellano de Eladio Rodríguez de 1958, que documentan a súa orixe en Murguía [8]. Segundo explican, Carcamán era unha denominación galega para os contrabandistas e, en 1826, houbo unha partida de contrabandistas italianos que se fixeron fortes na illa, desde a que facían incursións nos lugares veciños.
Un conto Finisterre da República dos sonhos de Nélida Piñón transcorre na illa de Arousa, sobre as vivencias co seu padriño arousán Ceferino Gondar [10]
O personaxe de Laura do libro O cervo na torre de Darío Xohán Cabana é oriunda da Illa de Arousa, pero ela descoñece que a illa desapareceu nunha explosión termonuclear.[11]
O escritor Valle-Inclán pasaba tempadas na illa e afirmou que naceu 'no medio da Ría de Arousa'.
Desde o ano 1976, celebráronse na illa varios festivais musicais, audiovisuais e de teatro, como o Arousa Folk, o Alén Rock, o Atlantic Fest, O mar nunha flor etc.
A obra "Memorias dun neno labrego" de Cándido Pazó, baseada no libro de Neira Vilas, foi estreada na illa.
Galicia | Provincia de Pontevedra | Parroquias da Illa de Arousa | |
---|---|
Para unha lista completa de todos os lugares do concello da Illa de Arousa vexa: Lugares da Illa de Arousa.
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: A Illa de Arousa |