Valga | |
---|---|
Casa do Concello. | |
Situación | |
Xentilicio[1] | valgués, valguesa |
Xeografía | |
Provincia | Provincia de Pontevedra |
Comarca | Comarca de Caldas |
Poboación | 5.704 hab. (2023)[2][3] |
Área | 40,6 km²[3] |
Densidade | 140,49 hab./km² |
Entidades de poboación | 5 parroquias[4] |
Capital do concello | Ponte Valga |
Política (2023 [5]) | |
Alcalde | José María Bello Maneiro (PPdeG[6]) |
Concelleiros | BNG: 2 PPdeG: 9 PSdeG-PSOE: 2 |
Eleccións municipais en Valga | |
Uso do galego[7] (2011) | |
Galegofalantes | 85,70% |
Na rede | |
http://www.valga.gal/ | |
![]() ![]() ![]() ![]() ![]() | |
[ editar datos en Wikidata ] |
Valga é un concello da provincia de Pontevedra, pertencente á comarca de Caldas. Segundo o IGE a súa poboación no ano 2014 era de 6.050 persoas. O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «valgués, valguesa».
Censo total 2014 | 6.050 habitantes |
---|---|
Menores de 15 anos | 823 (13.60 %) |
Entre 15 e 64 anos | 3.996 (66.05 %) |
Maiores de 65 anos | 1.261 (20.84 %) |
Valga atópase na beira esquerda do curso baixo do río Ulla; está cruzado pola autoestrada AP-9, o camiño de ferro da Coruña a Vigo, a N-550 da Coruña a Pontevedra e a C-550 de Fisterra a Tui.
A parte norte ocúpaa o amplo val do Ulla, ao que verten os ríos Louro e Valga, que transcorren paralelos parte do seu percorrido. Nos lindes do suroeste atópanse o monte Fontebecha (372 m), O Mecho (365 m) e o Outeiro da Marquesa (356 m). Cara ao sueste está a ladeira do monte Xesteiras (que chega aos 716 m entre Cuntis e A Estrada). Nesta zona máis interior do concello sobresaen o Monte Gorgullón (283 m), o Monte Ouroso (354 m), o Outeiro da Carballeira (350 m), o Outeiro dos Lobos (402 m), o Alto dos Salgueiros (372 m), o Monte da Lagoa (397 m) e o Monte Lomba (371 m). As vías de comunicación circulan en dirección norte-sur na depresión entre as unidades montañosas de Fontebecha e de Xesteiras.
As temperaturas son suaves, cunha media de 13 °C. Chove bastante, até chegar aos 1.700 mm anuais.
Durante a idade Media o territorio era señorío do arcebispo de Santiago de Compostela e dividíase entre Cordeiro e Padrón.
O 27 de abril de 1809, durante a Guerra de Independencia española tivo lugar a Batalla de Casal do Eirigo. Nela os voluntarios do lugar, dirixidos por Pablo Morillo e polo presbítero Felipe Concha fixeron retroceder até Pontecesures as tropas de Ney e Maucunne. Parece que con tal ocasión foi construída a ermida de Nosa Señora da Saúde.
O concello xurdiu da división municipal de 1821, levando o nome de Cordeiro até 1836. En 1925 segregouse a parroquia de San Xulián de Requeixo, dando lugar ao actual concello de Pontecesures.
O petróglifo dos Penoucos de Campo Redondo, na parroquia de Valga, data da Idade de Bronce, e está declarado Ben de Interese Cultural. Da cultura castrexa son os poboados do Castro e a Roda do Castro (Setecoros) e O Castro (Cordeiro).
A capela dos Martores data do século V, sendo ampliada no XVII. A igrexa de Santa María de Xanza e a de Santa Cristina de Campaña son románicas. A igrexa vella de Santa Comba de Louro foi derrubada no século XVIII.
Dada a orografía do territorio, abundan os miradoiros, como o de Chan do Monte en Setecoros, o de Campo Redondo e o miradoiro do monte Xesteiras.
Valga celebra o 31 de agosto a Festa da anguía e a Mostra da Caña do País.
En 2017, o pleno do concello aprobou un novo escudo municipal, deseñado polo historiador Eduardo Pardo de Guevara, vicepresidente da Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia.
O escudo anterior databa de 1816 e representaba un año pendurado dunha corda sobre unha ponte. O motivo do año e a corda procede da insignia da Orde do Vélaro de Ouro, se ben o símbolo desta e o animal que aparece na lenda orixinal é un carneiro adulto. A razón pola que se recorreu a esta imaxe parece deberse ao nome da parroquia de Cordeiro —Cordario no século XI[8], derivado do latín vulgar cordarium—, posiblemente alusivo á existencia dunha antiga cordoaría na zona, que evolucionou ata coincidir co nome da cría da ovella. A ponte fai referencia ao lugar de Ponte Valga, sede da casa do concello.
O brasonamento do novo escudo é o seguinte:
De azur e sobre ondas de prata e azur, a ponte de ouro, surmontado do año alterado de prata e de dúas cordas de ouro, cos seus extremos ou cabos soltos e dispostas nos flancos. Ao timbre, a coroa real pechada.[9]
Nas novas armas corríxese a anomalía que supuña o uso da simboloxía do Vélaro de Ouro sen ter o concello relación ningunha coa Orde. Ademais, a representación actual do año, vivo e ceibo, resulta menos agresiva cá imaxe do seu coiro atado e colgante.[10]
Tamén no 2017 adoptouse un himno municipal[11], composto polo músico valgués Manu Conde, membro do grupo Milladoiro, con letra anónima, segundo o concello. Un veciño afirmou que a letra do himno se basea nunha composición poética súa que el mesmo dera a coñecer ao concello. Segundo este veciño, a letra fora despois sometida a modificacións que el nunca autorizou, polo que se desvinculou do proxecto. Con todo, denunciou que a letra final foi desenvolvida a partir do seu texto, co que mantén unha gran semellanza, sen recoñecemento á súa autoría orixinal.[12]
Rosalía de Castro escribiu o seguinte:
O concello de Valga conta con diferentes asociacións culturais, como a Banda de Música Municipal de Valga, a Escola de Música Municipal de Valga[14], a Escola Municipal de Teatro e a Asociación Cultural e Xuvenil A Eira[15], entre outras moitas.
O Furia Athlétic Club é un equipo de fútbol localizado na parroquia de Santa Cristina de Campaña.[16]
Galicia | Provincia de Pontevedra | Parroquias de Valga | |
---|---|
Campaña (Santa Cristina) | Cordeiro (Santa Comba) | Setecoros (San Salvador) | Valga (San Miguel) | Xanza (Santa María) |
Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Valga vexa: Lugares de Valga.
Fonte: IGE. Datos dispoñibles nas Táboas Dinámicas de Google
![]() |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Valga ![]() |
![]() |
Este artigo sobre concellos de Galicia é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír. |