Olimpia Valencia | |
---|---|
Nome completo | Olimpia Valencia López |
Nacemento | 14 de decembro de 1898 |
Lugar de nacemento | Baltar |
Falecemento | 10 de xullo de 1987 |
Lugar de falecemento | Vigo |
Nacionalidade | España |
Alma máter | Universidade de Santiago de Compostela |
Ocupación | xinecóloga e médica |
Pai | Anacleto Valencia Lama |
[ editar datos en Wikidata ] | |
Olimpia Valencia López, nada en Baltar (Ourense) o 14 de decembro de 1898 e finada en Vigo o 10 de xullo de 1987, foi a primeira galega titulada en medicina en Galicia.[1] Especializouse en xinecoloxía.
Era a única filla de Anacleto Valencia Lama, industrial hostaleiro que en 1910 se trasladou a Vigo coa familia. Realizou os estudos de bacharelato no Instituto de Pontevedra (actual IES Sánchez Cantón).[2] Estudou Maxisterio, para o que se preparou por libre na Academia Minerva. Sen vocación para o ensino, en 1919 comezou os estudos de Medicina na Universidade de Santiago de Compostela. Licenciouse en 1925,[3] con premio extraordinario e dezanove matrículas de honra.[4] Ese mesmo ano marchou a Madrid facer a tese de doutoramento, que presentou en 1930 co título de La colesterinemia en la sangre en relación con la anestesia quirúrgica[5] dirixida polo doutor Sebastián Recaséns, da Cátedra de Obstetricia.[6]
En Madrid aloxouse durante tres anos na Residencia de Señoritas da rúa Fortuny, onde tamén exerceu outras funcións para gañar unha bolsa co fin de pagar a estancia. No curso 1926-27 impartiu clases de cultura xeral ás residentes. O seguinte curso foi nomeada médica titular do Instituto Escuela, institución docente experimental xurdida do contorno da Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas.[5]
En 1928 trasladouse a Vigo. Puxo en marcha un consultorio de medicina xeral e xinecoloxía no número 11 da rúa do Príncipe.[7], Alí exerceu a profesión ata a súa xubilación, non exenta de dificultades ao principio pola súa condición de muller. Olimpia mantivo conexión coa investigación e preocupouse por contactar coas técnicas e os avances médicos que se estaban a dar no estranxeiro. En 1929 solicitou unha bolsa á Junta para Ampliación de Estudios para ampliar coñecementos en clínicas xinecolóxicas de Alemaña e Suíza.[5]
Foi unha das fundadoras en 1930 da Academia Médico-Quirúrgica de Vigo, institución da que chegou a ser vicepresidenta (1935).[5] Como investigadora, presentou un relatorio nas I Jornadas Médicas Gallegas, celebradas na Coruña en 1929. En 1934 fixo unha comunicación na Academia de Vigo: La mujer gallega ante el homenaje a Paz Pardo. Tamén foi membro fundadora da Alianza Francesa de Vigo.[8]
Muller de inquietudes culturais e vinculada a Galicia, tivo relación con recoñecidos intelectuais e galeguistas, como Valentín Paz-Andrade, Álvaro das Casas ou Ramón Fernández Mato. Aceptou encabezar en xuño de 1931 un chamamento de apoio á candidatura galeguista da provincia de Pontevedra e outro en xuño de 1936 en prol do SI no Plebiscito do Estatuto de Autonomía de Galicia. Ambos documentos estaban asinados só por mulleres. En febreiro de 1937 foi detida e pasou catro días no cuartel da Garda Civil, acusada de pertencer ao Partido Galeguista e de ter trato con xente de esquerdas.[9] Os bos informes sobre o seu comportamento e un "donativo" conseguiron que saíse en liberdade.[10] Os anos seguintes foron de gran dureza: acusada de "roxa", moitas persoas deixaron de ir á súa consulta. Na década de 1940 conseguiu un posto na Seguridade Social e xubilouse na década de 1960.
Formou parte do comité organizador das Jornadas Médicas Galaico-Portuguesas, celebradas en 1958.[11]
Olimpia Valencia seguiu a traballar con máis de 80 anos na súa consulta particular, na liña dunha vida austera dedicada á profesión e ao estudo. Morreu no verán de 1987.[8]
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Olimpia Valencia |