Na mitoloxía grega, Radamantis (ou Radamanto) foi un dos tres fillos de Zeus e Europa, princesa de Tiro. O rei de Creta Asterión, esposo de Europa, aceptouno como fillo propio, así como ós seus irmáns, Minos e Sarpedón. Existe unha tradición cretense que afirma que Radamantis era fillo de Hefesto, que neste caso non sería fillo de Zeus senón fillo de Talos e neto de Cres, o heroe fundador de Creta.
Foi expulsado de Creta cando o seu irmán, Minos, se fixo co poder (dise que o expulsou por celos da súa popularidade). Radamantis foi parar a Beocia, onde casou con Alcmena (a que fora nai de Heracles, xa viúva de Anfitrión).
Tivo dous fillos, Gortis (que fundou a cidade arcadia de Gortina, ó que outros fan fillo de Estínfalo, que fundou a cidade epónima, na Arcadia, cerca da cal estaba a lagoa do mesmo nome, famosa por Heracles) e Éritro (que fundou a cidade de Eritras, en Beocia).
Radamantis tiña sona de home prudente e xusto [1] e foi o autor da compilación dos códigos de Creta que serviron de modelo para outras cidades gregas. Por esta razón, á súa morte, foi nomeado xuíz do Hades, para decidir, xunto a Minos e Éaco, o destino das almas dos mortos. Segundo Platón, Radamantis xulgaba as almas dos orientais e Éaco xulgaba ós occidentais, reservándose Minos o voto decisivo.
"Radamantis lexislou para os habitantes da illa e, tras exiliarse de novo a Beocia, desposou a Alcmena. Desde o paso á outra vida administra xustiza no Hades xunto con Minos".(Pseudo-Apolodoro: Biblioteca mitológica III, 1, 2)
"Manda nestes reinos desapiadados Radamanto de Cnosos / e castiga e escoita os fraudes e a declarar obriga / o que cada quen entre os vivos, as culpas cometidas / deixou para a morte tardía contento cun fraude van".(Virxilio: Eneida VI, 566-569)
![]() |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Radamantis |