Na mitoloxía grega Zeus (en lingua grega Ζεύς), Zeús Kroniōn («descendente de Crono») ou Dias (Δίας, «rei divino») foi o soberano dos deuses e o deus do ceo e mais do trono. Na mitoloxía romana correspóndese con Xúpiter, protector da cidade de Roma desde o seu templo no Capitolio.
Zeus deu orixe a boa parte dos deuses olímpicos e tamén á maioría dos heroes gregos, froito das relacións sexuais que tivo con diferentes mulleres mortais. Como deus supremo e garante do equilibrio universal, administraba xustiza entre deuses e homes.
Deus supremo da relixión grega, Zeus era fillo de Cronos e de Rea, pai e soberano dos deuses e dos homes. Mantén a orde e a xustiza no mundo, vixiando o mantemento dos xuramentos. Afírmase que dispensaba bens e males entre deuses e homes, e Homero di que na porta do seu palacio había dúas xarras contendo os bens, unha, e os males, a outra, e vai sacándoos alternativamente. Crese tamén que provocaba a chuvia, o raio e o lóstrego.
Cronos, que temía o cumprimento dunha profecía que anunciaba que sería derrocado por un dos seus fillos (como fixera el co seu pai Urano), devoraba a tódolos fillos que lle daba a súa muller. Esta, ó quedar embarazada de Zeus, fuxiu, para salvalo, á illa de Creta, onde tivo o seu fillo en segredo e retornou ao Olimpo, simulando alí que estaba de parto. A Cronos entregoulle unha pedra envolta en teas, simulando ser un meniño, e aquel tragouno sen decatarse do engano [1]. As diferentes tradicións dan distintos lugares de nacemento: a máis estendida sitúao no monte Exeo, no monte Ida ou no monte Dicte, os tres en Creta; pero Calímaco faino na Arcadia (no Peloponeso).
"Pero cando ía dar a luz a Zeus, padre de deuses e hombres, suplicou ós seus pais, os dela, a Xea e ó estrelado Urano, que a axudaran no seu plan, para que sen que se dera de conta, pariera o seu fillo ... Eles escoitaron atentamente e obedeceron á súa filla, á vez que lle contaron canto estaba marcado polo destino que sucedera respecto ó rei Crono e ó seu valoroso fillo, e enviárona a Licto, un rico pobo de Creta, cando ía dar a luz ó último dos seus fillos, o gran Zeus. A este recolleuno a monstruosa Xea para alimentalo e coidalo na ampla Creta. ... E envolvendo en cueiros unha gran pedra, púxoa nas mans do gran soberano Uránida, rei dos primeiros deuses. Aquel, entón, colléndoa coas súas mans púxoa no seu ventre, ¡desgraciado!".(Hesíodo: Teogonía 469-488)
Rea deixou ó seu coidado ós Curetes (nove divindades fillos de Apolo e Danais) e ás ninfas Melisa (que o alimentaba con mel) e Amaltea (representada como a cabra que daba o leite necesario para criar a Zeus meniño [2]). Para protexer a Zeus e que os espías de Cronos (os corvos) non o descubrisen, o berce do meniño estaba colgado do teito, de forma que non formaba parte do ceo nin da terra, e os Curetes cantaban e bailaban golpeando os seus escudos e armas para disimular os prantos de Zeus.
Unha vez adulto, e axudado por Metis, a Prudencia, filla de Océano, entrou no Olimpo durante un dos banquetes dos Titáns e deulle a beber a Cronos unha droga que o obrigou a vomitar a tódolos irmáns (que seguiran medrando no ventre de Cronos). Deu comezo entón a Titanomaquia, longa guerra na que durante dez anos se enfrontaron Zeus e os seus irmáns contra os Titáns.
Aconsellado por Xea, nai de Cronos, Zeus matou a Campe, gardián do Tártaro, e permitiu que os Ciclopes e os Hecatonquiros saíran del.[3] Ó ser liberados, os Ciclopes forxaron o raio, que regalaron a Zeus xunto o lóstrego e o trono; o casco da invisibilidade, que regalaron a Hades; e o tridente, que regalaron a Poseidón, armas que resultaron fundamentais para a vitoria de Zeus e os seus.
Unha vez rematada a guerra coa vitoria dos deuses olímpicos, Zeus e os seus irmáns repartíronse o mundo de xeito que Zeus quedou como soberano do ceo, Poseidón do mar e Hades co mundo subterráneo. Esta repartición ben puido facerse por sorteo, segundo Pseudo-Apolodoro, ben por decisión de Zeus como rei superior, segundo Hesíodo.
"Eles botaron a sortes o poder, e a Zeus correspondeulle o dominio do ceo, a Posidón o do mar e a Plutón o de Hades".(Pseudo-Apolodoro: Biblioteca mitológica I, 2, 1)
"Unha vez que os felices deuses remataron su trabajo e decidiron pola forza cos Titáns as súas competencias, entón, por consello de Xea, pediron ó olímpico Zeus, de ancha faz, que reinara e gobernara sobre os Inmortais e el distribuíu ben entre estes as atribucións".(Hesíodo: Teogonía 882-885)
Aínda tivo Zeus que afrontar dúas guerras máis, contra os Xigantes (Xigantomaquia) e contra Tifón, en ambos casos promovidas por Xea, furiosa ó ver encerrados no Tártaro ós seus fillos, os Titáns. Zeus resultou vitorioso nas dúas contendas.
Zeus represéntase na Grecia antiga como un home adulto, barbado e de longa cabeleira, co torso nu. Na Grecia clásica (a partir do VII a.C.) adoita aparecer cos seus atributos máis característicos, armado dun raio e acompañado dunha aguia. Adoita levar na man esquerda unha lanza ou cetro (por veces coroado por unha aguia), como símbolo de poder, e a Niké, deusa da forza, a velocidade e a vitoria, na dereita.
O momento do seu matrimonio sagrado con Hera recolleuse en frescos romanos en Nápoles e relevos do templo de Hera en Selinunte (ó oeste de Sicilia). Zeus represéntase sentado no seu trono, recibindo a Hera que chega cuberta co seu veo nupcial.
O seu animal representativo é a aguia, na que podía transformarse e viaxar desapercibido. Ben sexa por medio da propia aguia, ben sexa transformado el en aguia (explicación máis común), Zeus raptou a Ganímedes, fillo dun rei troiano, que tiña sona de ser o mozo máis fermoso dos mortais, para convertelo no seu copeiro no seu palacio no Olimpo.
Quizais a imaxe sonada sexa o Zeus criselefantino [4] esculpido por Fidias para o templo do deus en Olimpia, unha das sete marabillas do mundo antigo.
Nas idades Moderna e Contemporánea, Zeus foi reproducido numerosas veces en pintura e escultura, grazas -en boa parte- ó éxito que tiveron as edicións das Metamorfosis de Ovidio.
Zeus tivo numerosas relacións e numerosos fillos, tanto con deusas como con mulleres mortais. Non faltaron tampouco relacións homosexuais, como a que mantivo con Ganímedes.
"En segundo lugar, [Zeus] casou coa brillante Temis que enxendrou as Horas..., que protexen os traballos dos homes mortais; e as Moiras, ás que grandísima honra otorgou o prudente Zeus, Cloto, Láquesis e Átropo, que conceden ós homes mortais obter o bo e o malo ."(Hesíodo: Teogonía 902-906)
" Os xenitais, pola súa banda, tras cortalos [Crono] co aceiro, botounos lonxe da terra firme no Ponto fortemente batido polas ondas ... a ambos lados branca escuma xurdía do inmortal membro e, en medio dela, formouse unha doncela. ... Afrodita, porque se formou en medio da escuma... adoitan chamala tanto deuses como homes, e Filomédea, porque saiu duns xenitais."(Hesíodo: Teogonía 188-201)
"A elas [ás Musas], como esquecemento de males e remedio de preocupacións, procreounas, uníndose ó padre crónida, Mnemósine, que reina nos outeiros de Eleuter. Con ela nove noites uniuse o prudente Zeus subindo ó seu sagrado leito, lonxe dos inmortais. Cando xa era o tempo debido e as estacións volveron, ó pasar os meses, e cumpríronse moitos días, esta deu a luz, a pouca distancia da cima do nevado Olimpo, a nove rapazas de disposición semellante, que só se ocupan do canto, por ter nos seus peitos un ánimo libre de preocupacións".(Hesíodo: Teogonía 53-62)
"Por último, tomou por esposa á florecente Hera, e esta deu a luz a Hebe, Ares e Ilitía, uníndose ó rei dos deuses e homes".(Hesíodo: Teogonía 923-925)
Ademais das relacións e descendencia que tivo coas deusas, Zeus mantivo constantes relacións amorosas con mulleres mortais ou outras mulleres non divinas, que lle deron numerosos fillos. Conseguía os seus favores metamorfoseándose en diferentes animais ou outras entidades (touro, cisne, persoas, sátiro, chuvia de ouro etc.).
"O ilustre pai e soberano dos deuses, cuxa destra está armada por lume de tres puntas, que cunha cabezada sacode o mundo, toma a aparencia dun touro.... En efecto, a súa cor é a da neve que non pisaron as plantas dun duro pé nin fundido o chuvioso Austro... Marabíllase a filla de Áxenor de que sexa tan fermoso, de que non ameace con ningunha turrada. Achégase e alarga flores ante o seu branco fociño... Atreveuse tamén a princesa, sen saber a quen montaba, a sentarse sobre o lombo do touro; entón, o deus, apartándose pouco a pouco da terra e da seca area... adéntrase aínda máis e polas augas de mar aberto lévase á súa presa. Asústase Europa e volve a súa mirada á costa que, raptada, vai deixando atrás, e coa destra agarra un corno e apoia a outra sobre o lombo; tremendo, as súas roupas ondúlanse co vento".(Ovidio: Metamorfosis, II, 847 - 875)
"Zeus, coa aparencia de cisne, xaceu con Leda a mesma noite que Tindáreo, e así Pólux e Helena foron enxendrados por Zeus, e Cástor e Clitemnestra, por Tindáreo. Non obstante, algúns din que Helena era filla de Némesis e Zeus, e que Leda, para evitar a unión con Zeus, se transformara en ganso, pero que Zeus se transformou á súa vez en cisne e fíxolle o amor. De resultas da unión Leda puxo un ovo, un pastor atopouno e recolleuno, e entregoullo a Leda, que o gardou dentro dunha arca. No momento fixado naceu Helena, á que criou como a súa propia filla".(Pseudo-Apolodoro: Biblioteca mitológica III, 10,7)
Grimal recolle dos antigos mitógrafos a posibilidade de que tantas relacións e tantos fillos non se deban simplemente a un apetito sexual descontrolado, senón a razóns máis profundas, como unha acción providencial. Así, o nacemento de Heracles deberíase á necesidade de contar co heroe imprescindible para a guerra dos deuses olímpicos contra os Xigantes; e o nacemento de Helena, causa directa da Guerra de Troia, foi necesario para diminuír a superpoboación de Grecia.
Son innumerables as obras creadas baixo a inspiración de Zeus, as súas amantes e os seus feitos.
Zeus vai participar en numerosas ocasións para resolver conflitos entre outros deuses. Por exemplo, intervén na loita entre Apolo e Heracles cando este pretende roubar o trípode de Delfos; ou entre Palas, filla de Tritón, e Atenea; ou na disputa entre Atenea e Poseidón polo patrocinio da Ática. En diversas ocasións axuda a Heracles na consecución dos seus Doce Traballos, e recorre con frecuencia a Hermes para distintas encargas, como o seu heraldo.
Como deus xusticeiro, castiga ós sacrílegos, como Prometeo (que roubara o lume dos deuses para darllo ós homes), Sísifo (que delatara ó propio Zeus ante o deus río Asopo), Ixión (que enganou e matou o seu sogro, e despois intentou seducir a Hera), Ticio (que intentara violar a Leto) ou Tántalo (que pecara de soberbia, o que os gregos chamaban Hybris).
Na Ilíada cóntase que Hera adormece a Zeus, permitindo así a reacción grega, pero cando este acorda, impide que Poseidón continúe interferindo a favor dos gregos. Ó final, Poseidón, axudado por Hera e Atenea, intenta encadear e derrocar a Zeus, pero Briareo (tamén chamado Exeón, un dos Hecatonquiros, evitou a conxura. Como consecuencia, Zeus castigou a Poseidón a servir a Laomedonte, rei de Troia, para quen tivo que construír as murallas da cidade.
Nun momento determinado e ante a impiedade dos homes, Zeus decide exterminalos mediante un diluvio. A humanidade consegue restablecerse grazas a Pirra e Deucalión (fillos de Epimeteo e Prometeo, respectivamente), os dous únicos inocentes, que, botando pedras tras de si, crearon novos homes e mulleres.
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Zeus |