O saco vitelino (en terminoloxía latina saccus vitellinus, vesicula umbilicalis) é un saco membranoso unido ao embrión, formado por células da capa do hipoblasto do disco embrionario bilaminar. Tamén se lle chama vesícula umbilical en Terminologia Embryologica (TE), aínda que saco vitelino é moito máis usado. En humanos o saco vitelino é importante para a subministración de sangue ao embrión temperán,[1] e gran parte del incorpórase ao tracto gastrointestinal primordial durante a cuarta semana de desenvolvemento embrionario.[2]
O saco vitelino é o primeiro elemento que se observa no saco xestacional durante o embarazo,[1] xeralmente aos 3 días de xestación.
O saco vitelino está situado na parte frontal (ventral) do embrión; está tapizado polo endoderma extraembrional,[3] fóra do cal hai unha capa de mesénquima extraembrional, derivada do epiblasto.
O sangue chega á parede do saco vitelino a través da aorta primitiva e despois circula a través dun plexo de capilares que forman unha densa rede, torna polas veas vitelinas do corazón tubular que nese momento ten o embrión. Isto constitúe a circulación vitelina, que nos humanos é o lugar onde se produce a hematopoese.[4][5] Antes de que se forme a placenta e empece a funcionar como elemento circulatorio, o saco vitelino proporciona nutrición e realiza o intercambio de gases entre a nai e o embrión en desenvolvemento.[6]
Ao final da cuarta semana, o saco vitelino ten a aparencia dunha pequena vesícula con forma de pera (tradicionalmente chamada vesícula umbilical), que comunica co tubo dixestivo por un tubo longo estreito, o conduto vitelino ou onfalomesentérico. Raramente pode verse o saco vitelino despois do necemento como un corpo pequeno e máis ou menos oval cuxo diámetro varía de 1 mm a 5 mm; está situado entre o amnio e o corion e pode situarse sobre ou a certa distancia da placenta. Este saco vitelino residual non ten importancia clínica.
Diagrama que mostra os primeiros estadios observados do embrión humano. 1 - Cavidade amniótica 2 - Saco vitelino 3 - Corion
Diagrama que ilustra a formación inicial do alantoide e a diferenciación do talo do corpo. 1 - Cavidade amniótica 2 - Talo do corpo 3 - Alantoide 4 - Saco vitelino 5 - Corion
Diagrama que mostra estadios posteriores do desenvolvemento do alantoide co comezo da constrición do saco vitelino. 1 - Corazón 2 - Cavidade amniótica 3 - Embrión 4 - Talo do corpo 5 - Vilosidade placentaria 6 - Alantoide 7 - Saco vitelino 8 - Corion
Diagrama que representa un estadio posterior no desenvolvemento do cordón umbilical. 1 - Vilosidades placentarias 2 - Saco vitelino 3 - Cordón umbilical 4 - Alantoide 5 - Corazón 6 - Tubo dixestivo 7 - Embrión 8 - Cavidade amniótica
Como regra o conduto sofre unha completa obliteración na semana 20ª a medida que a maioría do saco vitelino se incorpora ao tracto gastrointestinal en desenvolvemento, pero nun 2 % dos casos a súa parte proximal persiste como divertículo do intestino delgado, o chamado divertículo de Meckel, que está situado a uns 60 cm en dirección proximal da válvula ileocecal, e pode estar unido por medio dun cordón fibroso á parede abdominal no embigo.
Ás veces pode observarse un estreitamento do lume do íleo fronte ao sitio de unión do conduto.
O saco vitelino empeza a formarse durante a segunda semana de desenvolvemento embrionario, ao mesmo tempo que se orixina o saco amniótico. O hipoblasto comeza a proliferar lateralmente e a descender. Mentres tanto, a mambrana de Heuser, situada no polo oposto da vesícula en desenvolvemento, empeza a súa proliferación cara a arriba e ponse en contacto co hipoblasto.
Saco vitelino primario: é a vesícula que se desenvolve na segunda semana; o seu piso é representado pola membrana de Heuser e o seu teito é o hipoblasto. Tamén se chama cavidade exocelómica.
Saco vitelino secundario: esta estrutura fórmase cando o mesoderma extraembrionario se separa para formar o celoma extraembrionario; células do mesoderma evaxinan unha área do saco vitelino[3] e o que queda é o saco vitelino secundario.
Saco vitelino final: durante a cuarta semana de desenvolvemento, durante a organoxénese, parte do saco vitelino é rodeado polo endoderma e incorporado ao embrión como parte do intestino. A parte restante do saco vitelino é o saco vitelino final.
↑Donovan, Mary F.; Bordoni, Bruno (2020). Embryology, Yolk Sac. StatPearls (Treasure Island (FL): StatPearls Publishing). PMID32310425. Consultado o 2020-09-11.