A Igrexa | |
---|---|
Igrexa neoclásica de Santaia de Arca | |
Parroquia | Arca |
Concello | O Pino |
Coordenadas | 42°54′06″N 8°21′47″O / 42.901583333333, -8.3631111111111Coordenadas: 42°54′06″N 8°21′47″O / 42.901583333333, -8.3631111111111 |
Poboación | 53 hab. (2019) |
[ editar datos en Wikidata ] |
A Igrexa ou A Aldea Grande[1] é un lugar da parroquia de Arca no concello coruñés do Pino, na comarca de Arzúa. Segundo o IGE[2], en 2019 tiña 53 habitantes (19 homes e 34 mulleres). Na práctica, O Pedrouzo e A Igrexa atópanse un xunto ao outro, sen solución de continuidade.
A orixe do topónimo é o latín (locus) ecclesiae, o lugar da igrexa.[3]
Nesta poboación atópase a igrexa parroquial de Santaia de Arca, construída no século XIX en estilo neoclásico e cunha soa torre-campanario. Conta cunha planta de cruz latina e unha soa nave. Ten a particularidade de que, no interior, a ábsida ten forma de vieira[4]. Na parte exterior conta cun diminuto e rústico reloxo de sol na parede sur do templo, a uns catro metros de altura.
Apenas a 125 m. ao nordés atópase o Cruceiro de Arca, orixinalmente do século XVII, pero con engadidos e arranxos que chegan ao século XX. O podio ou base é cadrado sobre o que hai un pedestal máis pequeno da mesma forma. Álzase sobre esta estrutura un fuste octogonal. A cruz é lisa, sen figuras, cos extremos lixeiramente potenzados e sobre unha variación de capitel toscano que ten un ábaco moldurado que se apoia sobre un equino e un colariño prismáticos e non cilíndricos[5].
Entre o retorcido casarío da Igrexa existen outros elementos etnográficos de relevancia. Así conta con varios exemplos de hórreos de tipo O Pino e cun pozo cuberto máis un bebedoiro na parte sur.
O cemiterio municipal encóntrase a uns 400 m ao sur da igrexa. Nas súas proximidades atopábase a chamada Casa de Brey, a da avoa e o resto da familia materna de Luís Seoane, que adoitaba visita o pintor e escritor galego. Desde esta casa disfrutábanse de boas vistas sobre as coñecidas como minas de cobre de Río Tinto[6].
Por fin, dentro do patrimonio natural, cómpre referirse á carballeira e a área recreativa da Igrexa, que se atopa a poucos metros do Cruceiro de Arca[7].
Lugares da parroquia de Arca no concello do Pino (Provincia da Coruña) | |
---|---|
Astrar | O Burgo | A Igrexa | O Lameiro | O Monte | O Outeiro | Pazos | O Pedrouzo | O Picón | A Rúa | Samil | Santa Irene | Santo Antón | Vilaboa |