Biografía | |
---|---|
Nacemento | 22 de abril de 1929 Vigo, España |
Morte | 16 de setembro de 2020 (91 anos) A Coruña, España |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | España |
Educación | Universidade de Santiago de Compostela |
Actividade | |
Ocupación | xornalista |
Xénero artístico | Ensaio |
Lingua | Lingua galega |
Albino Mallo Álvarez, nado en Vigo o 22 de abril de 1929[1] e finado o 16 de setembro de 2020 na Coruña,[2] foi un xornalista e escritor galego.
O pai, Albino Mayo García,[3] era un emigrante retornado[4] da Arxentina que abrira o (hoxe desaparecido) café Derby, de Vigo, local que durante boa parte do século XX foi lugar de parladoiros culturais na cidade. Mallo licenciouse en Dereito na Universidade de Santiago e marchou a Madrid traballar de pasante no despacho que tiñan Victoriano Fernández Asís e Cipriano Torre Enciso, mentres que estudaba un mestrado. Mallo simultaneou a súa formación coa escrita xornalística tanto en Santiago, en La Noche[5], como en Madrid, en Pueblo, neste caso grazas á mediación dos seus xefes avogados, que tamén escribían nel[2].
Volveu a Vigo en 1959, onde colexiou de avogado e empezou a exercer pero non lle gustraba polo que, nesa época, comezou a colaborar na radio con La Voz de Vigo[6] onde facía un programa de cultura canda a que logo sería a súa dona, Pilar Martínez Ledo. Proseguiu profesionalmente como xornalista, e non como avogado, e foi redactor en La Voz de León e despois, en 1962, director de La Voz de Extremadura e de La Voz de Guipúzcoa[2].
Licenciouse na Universidade de Navarra en Ciencias da Información,[7] e incorporouse á prensa escrita, na redacción do diario Unidad, e redactor xefe de La Voz de España, ambas as dúas cabeceiras en Donostia.
En 1979 ingresou na Axencia Efe, onde foi destinado primeiro como subdelegado a Bruxelas, e logo como delegado (correspondente xefe) en Montevideo e Santiago de Chile.[8] Neses primeiros anos oitenta cubriu as ditaduras suramericanas e a Guerra das Malvinas. A mediados dos anos oitenta foi nomeado delegado de EFE en Galicia e mudouse a vivir a Santiago de Compostela[2]. Rematou a súa carreira profesional en 1992, dirixindo El Ideal Gallego, aínda que até o final da súa vida seguiu a colaborar con distintos medios galegos con artigos de opinión, como en El Correo Gallego e con O Correo Galego, que despois mudou o nome a Galicia Hoxe.
Obtivo o Premio Nacional Virxe do Carme e o Premio Nacional de xornalismo turístico e en 1999 recibiu a Medalla de Bronce de Galicia.