Borja Valle | |||
---|---|---|---|
Información persoal | |||
Nome | Borja Valle Balonga | ||
Nacemento | 9 de xullo de 1992 | ||
Lugar de nacemento | Ponferrada | ||
Altura | 1,80 m. | ||
Posición | Dianteiro | ||
Información de club | |||
Club actual | Ponferradina | ||
Número | 9 | ||
Carreira xuvenil | |||
Ponferradina | |||
Carreira sénior | |||
Anos | Equipos | Aprs | (Gls) |
2009–2011 | Ponferradina B | ||
2010–2013 | Ponferradina | 18 | (1) |
2012 | → Celta B (cedido) | 13 | (1) |
2012–2013 | → Ourense (cedido) | 32 | (4) |
2013–2014 | Ourense | 32 | (6) |
2014–2016 | Oviedo | 54 | (15) |
2016–2020 | Deportivo da Coruña | 79 | (13) |
2017 | → Elche (cedido) | 17 | (4) |
2020 | Dinamo București | 9 | (5) |
2021 | Oviedo | 21 | (0) |
2021 | Khor Fakkan | 4 | (0) |
2022 | Alcorcón | 19 | (4) |
2022–2023 | FC Cartagena | 39 | (6) |
2023 | Rapid București | 16 | (1) |
2024– | Ponferradina | 3 | (1) |
Partidos e goles só en liga doméstica. Club: actualizado a 27 de xaneiro de 2024. [ editar datos en Wikidata ] | |||
Borja Valle Balonga, nado en Ponferrada o 9 de xullo de 1992, é un futbolista español. Xoga de dianteiro na Ponferradina, da Primeira División RFEF.
Formouse nas categorías inferiores da SD Ponferradina facendo o seu debut co equipo filial na tempada 2009-10. O 9 de maio de 2010 debutou co primeiro equipo en Segunda División B xogando os últimos 19 minutos do partido da última xornada contra o Zamora CF no Ruta de la Plata, no que o equipo perdeu 1-0 pero logrou o ascenso á Segunda División.[1]
O 29 de xaneiro da seguinte tempada debutou en Segunda, saíndo como substituto de Yuri no minuto 89 no partido da xornada 22 disputado contra a SD Huesca.[2] O seu primeiro gol na competición produciuse o 12 de marzo, anotando o gol gañador contra o Albacete Balompié (2-1).[3] Xogou un total de 10 partidos esa tempada, os mesmos que na tempada seguinte, co equipo de novo en Segunda B.
En xaneiro de 2012 foi cedido ao Celta de Vigo B, tamén da 2ªB, co que disputou 13 partidos e marcou un gol.[4] Ao comezo da tempada seguinte volveu ser cedido, nesta ocasión ao CD Ourense,[5] co que xogou 33 partidos e marcou 4 goles.
Ao remate da tempada o club galego fichouno xa en propiedade.[6] Marcou 6 goles en liga e 4 máis na Copa Federación, que acabou gañando o seu equipo, pero despois de que os xogadores estivesen varios meses sen cobrar o club foi descendido administrativamente a Terceira División.[7]
O 21 de maio de 2014 fichou polo Real Oviedo,[8] sendo unha peza clave no ascenso do equipo asturiano á Segunda División ao final da tempada, referendado pola renovación cos carbayones o 24 de xuño de 2015.[9] Marcou un total de 15 goles nas súas dúas tempadas no club ovetense.
O 21 de xuño de 2016 confirmouse a fichaxe do berciano polo Deportivo da Coruña para as seguintes 3 tempadas.[10] Debutou en Primeira División o 26 de agosto, na xornada 2 fronte ao Real Betis no Benito Villamarín. Contou con poucos minutos nos seguintes meses, e en xaneiro foi cedido ao Elche, de Segunda División.[11] Alí marcou catro goles, insuficientes para evitar o descenso do club a 2ª B.[12]
Volveu logo ao Deportivo, co que xogou as seguintes tres campañas, nas que anotou 16 goles e sufriu dous descensos ata a Segunda División B, categoría á que o club galego non caía dende había catro décadas.
En setembro de 2020 fichou polo FC Dinamo București de Romanía.[13] Debutou cun gran gol dende 60 metros fronte ao FC Botoșani,[14] pero deixou o club só tres meses despois, ao non percibir salario ningún dende a súa chegada ao equipo romanés.[15][16]
O 30 de decembro de 2020 o Oviedo anunciou a súa contratación ata final de tempada.[17] Non chegou a se asentar no equipo do Cuco Ziganda, no que xogou 21 partidos, pero só catro deles como titular.
En xullo de 2021 decidiu probar fortuna no fútbol árabe, asinando co Khor Fakkan, da máxima categoría dos Emiratos Árabes Unidos.[18] Con todo, nos seus seis meses no país, xogou só catro encontros no club emiratí, antes de que a súa licenza federativa lle fose retirada, do mesmo xeito que ao seu compañeiro galego Luis Fernández.[19]
En xaneiro de 2022 regresou a España para fichar polo Alcorcón, da Segunda División.[20] Xogou un total de 19 partidos nos cinco meses que militou no club madrileño, marcando 4 goles, pero o seu equipo acabou baixando á Primeira RFEF ao remate da tempada, sumando así o xogador o sétimo descenso da súa carreira deportiva.[21]
En xullo de 2022 fichou polo FC Cartagena, tamén de Segunda, xunto a outros dous futbolistas do Alcorcón: Calero e Óscar Arribas.[22] Contabilizou un total de 41 partidos e 6 goles co equipo de Luis Miguel Carrión, que acabou a liga na novena posición.
No verán de 2023 rexeitou a oferta de renovación do Cartagena e regresou a Bucarest, onde asinou polo outro dos grandes clubs da capital, o Rapid București.[23] Disputou 19 encontros co club romanés, aportando un gol e tres asistencias, ata que en xaneiro decidiu regresar a Ponferrada.[24]
O primeiro día do 2024, a Ponferradina confirmou a volta do xogador, máis dunha década despois da súa saída do club.[24]