Frei Paul Otto, nado en Siegmar o 31 de maio de 1925 e finado en Leonberg o 9 de marzo de 2015, foi un arquitecto e enxeñeiro de estruturas alemán recoñecido polo seu uso de estruturas lixeiras, particularmente en tensión, incluíndo o estadio dos Xogos Olímpicos de Múnic.
Otto gañou a Medalla de Ouro do RIBA en 2006 e recibiu o premio Pritzker de arquitectura en 2015, pouco antes da súa morte.
Otto naceu en Siegmar (Alemaña), mais criouse en Berlín. Estudou arquitectura nesa cidade antes de alistarse na Luftwaffe como piloto nos últimos anos da segunda guerra mundial. Foi internado como prisioneiro de guerra nun campo próximo a Chartres (Francia) e co seu adestramento como enxeñeiro de aviación, falta de materiais e necesidade urxente de conseguir unha casa, comezou a experimentar con tendas de campaña como acubillo.[1] Trala guerra estudou brevemente nos Estados Unidos e visitou a Erich Mendelsohn, Mies van der Rohe, Richard Neutra e Frank Lloyd Wright.
Comezou a práctica privada en Alemaña en 1952. O seu pavillón de música con rede en forma de sela de montar no Bundesgartenschau (Exposición Federal de Xardíns) en Kassel deulle sona por primeira vez. Obtivo o doutoramento en construcións en tensión en 1954.[1]
Otto especializouse en estruturas lixeiras en membrana e tensión, e foi un pioneiro no avance matemáticas das estruturas e enxeñaría civil.[1] Fundou o Instituto de Estruturas Lixeiras na universiade de Stuttgart en 1964 e liderouno ata a súa xubilación como profesor universitario.[1] Deu conferencias en todo o mundo e ensinou na Escola da Asociación de Arquitectura, da que tamén deseñou algúns edificios do campus de Hooke Park.[2]
Ata a súa morte, Otto permaneceu activo como arquitecto e enxeñeiro, e como conselleiro do seu protexido Mahmoud Bodo Rasch nun número de proxectos en Oriente Medio. Dous dos seus últimos proxectos foron o seu traballo con Shigeru Ban no pavillón xaponés da Expo 2000, coa estrutura do tellado construída completamente de papel, e o deseño, xunto con SL Rasch GmbH Special and Lightweight Structures do tellado convertible do pavillón de Venezuela.[2] Como forma de memorial dos atentados do 11 de setembro de 2001 e as súas vítimas, a principios de 2002 concibiu as dúas pegadas do Torres Xemelgas cubertas con auga e arrodeadas de árbores; este proxecto incluía un mapa do mundo incrustado no parque cos países en guerra marcados con luces e un panel actualizándose continuamente anunciando o número de vítimas das guerra dende o 11 de setembro de 2001.[3]
Otto faleceu o 9 de marzo de 2015; ía ser anunciado como gañador do premio Pritzker 2015 o 23 de marzo, mais o seu pasamento supuxo que se anunciase o premio o día 10 dese mes.[4][5] O propio Otto xa fora informado de que gañara pola directora executiva do premio Pritzker, Martha Thorne. Indicouse que dixo, "nunca fixen nada para gañar este premio. Gañar premios non é o obxectivo da miña vida. Intento axudar a xente pobre, pero que podo dicir aquí... estou moi feliz".[5]
Esta é unha listaxe parcial de edificios deseñados por Otto:[5]
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Frei Otto |
A Galipedia ten un portal sobre: Alemaña |