Coordenadas: 42°25′46″N 8°38′35″O / 42.429361111111, -8.643
Glorieta de Compostela | |
---|---|
![]() Glorieta de Compostela | |
Tipoloxía | praza |
Dimensións | |
Lonxitude | 35 m |
Largura | 40 m |
Área | 1 000 m2 |
Localización | |
Localidade | Pontevedra |
Código postal | 36001 |
Construción | |
Comezo | século XIX |
Inauguración | 2002 (reforma) |
A Glorieta de Compostela é unha praza situada na cidade de Pontevedra, no centro da cidade, no Ensanche.
A praza recibiu o seu actual nome en 1950 en homenaxe ao Camiño de Santiago Portugués, que transcorre por ela.[1][2] A glorieta é coñecida de modo popular polos pontevedreses como Praza dos Nenos.[3]
Este transitado espazo constituíu desde antigo un lugar de paso xa que nel localizábase o trazado da antiga vía romana XIX do itinerario de Antonino. Posteriormente, na Idade Media pasou a ser un punto do traxecto do Camiño Portugués, testemuña desde entón das peregrinacións xacobeas. Desde o século XIV esta área extra muros estivo delimitada no seu lado leste, no lugar que hoxe ocupa o tramo final da rúa Frei Xoán de Navarrete, pola antiga capela da nosa Señora do Camiño ou da Virxe do Camiño, reformada en varias ocasións ao longo dos séculos ata a súa demolición e desaparición.[4]
A principios do século XIX durante a ocupación francesa na cidade a capela da nosa Señora do Camiño foi arrasada polo lume e polo roubo de gran parte do seu patrimonio.[4] En 1856, segundo o plano de Pontevedra do Tenente Coronel de Enxeñeiros Francisco Coello de Portugal y Quesada este lugar no que se atopa a praza actualmente estaba configurado como unha praza semicircular pechada e xa dispoñía de construcións ao redor. Esta forma semicircular irregular coa capela no seu lado leste tamén quedou plasmada no plano do Instituto Xeográfico e Estatístico español de 1910.
En maio de 1936 a derriba da capela da nosa Señora do Camiño polo concello de Pontevedra, polo seu estado de ruína e porque interceptaba o tránsito nunha vía pública de grande importancia, facilitou o posterior desenvolvemento urbanístico do lugar xunto ao que se atopaba.[4][5] A praza que se configurara neste cruzamento de camiños foi atravesada na posguerra pola estrada N-550, incrementándose progresivamente a afluencia de tráfico, situándose no seu centro un farol de catro brazos como elemento distintivo, acollendo unha parada de taxis e deixando un pequeno espazo semicircular libre de coches no seu lado oeste que foi utilizado como aparcadoiro desde os anos 1960 e no que se instalou posteriormente unha das fontes de fundición de deseño francés de 1887 presentes na cidade, encargadas polo arquitecto Alejandro Sesmero.[2] Este pequeno espazo semicircular estaba separado nos anos 1980 da circulación rodada por unha balaustrada metálica de escasa altura que rodeaba unha pequena zona verde con vexetación e foi utilizado como terraza dunha cafetería próxima.
O Cinema Gónviz, un dos máis céntricos da cidade e punto de afluencia de moitos pontevedreses, inaugurouse en 1973 no edificio máis alto da praza, de 13 andares, e permaneceu aberto ata 2001.[6][2]
A finais de 2001 empezou unha profunda reforma da praza, deseñada polo arquitecto Jesús Fole Osorio, tras a cal a Glorieta de Compostela converteuse nun espazo case integramente peonil.[7] Instalouse unha fonte no seu centro dominando a praza e a inauguración da remodelación produciuse o 9 de agosto de 2002.[8] En 2019 dotouse á fonte dun sistema de iluminación multicolor.[9][10]
Desde a súa reforma a Glorieta de Compostela converteuse nun punto de encontro dos pontevedreses.[2]
A praza atópase en pleno centro urbano e comercial de Pontevedra e nela conflúen as rúas Peregrina, que a atravesa de noroeste a sueste e Frei Xoán de Naverrete.[11]
É unha praza semicircular e semipeonil, circundada no seu lado leste por un pequeno carril de circulación que canaliza o restrinxido tráfico das rúas Peregrina e Frei Xoán de Navarrete e está rodeada de edificios de distintos estilos, os máis antigos de 1928 e 1950 e outros máis modernos dos anos 1970 a 1990. O elemento máis destacado da praza é a fonte denominada Fonte dos Nenos situada no seu centro, que está rodeada no seu lado sur por un banco corrido semicircular.[2] A iluminación pública de todo o espazo realízase por medio de dúas columnas de iluminación con proxectores.[12]
A Fonte dos Nenos é unha fonte plana con vinte metros de diámetro e setenta bocas de auga, as centrais dispostas en columna de potentes chorros e as de ao redor en nebulización, alternadas con puntos de luz. Un sensor rebaixa automaticamente a forza e altura da auga para evitar molladuras aos transeúntes. O centro da fonte está empedrado e o seu perímetro de granito negro leva a inscrición da canción popular galega "Pontevedra é boa vila, dá de beber a quen pasa. 2002".[8] Un elemento destacado da fonte é o grupo escultórico de pedra que está na súa beira formado por tres figuras, dúas nenas e un neno, que pon de relevo tres surtidores de auga dos que bebe. As figuras son obra de Sebastián Casalderrey e Manuel Collazo Torres.[13] A figura da nena sentada foi instalada con posterioridade á inauguración do conxunto, o 22 de outubro de 2002.[14] O grupo escultórico é a representación de dúas nenas esperando mentres xogan a que un neno termine de beber na fonte para beber elas, unha sentada e a outra de pé cun aro metálico debaixo do brazo.[15]
![]() |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Glorieta de Compostela ![]() |