O nacionalismo palestino (en árabe: قومية فلسطينية) é o movemento nacional do pobo palestino para acadar a autodeterminación e a soberanía de Palestina.[1] Orixinalmente formado en oposición ao sionismo, o nacionalismo palestino posterior internationalizouse e está suxeito a outras ideoloxías.[2] Baséase no rexeitamento á ocupacion histórica dos territorios palestinos por parte de Israel[3] e a ocupación árabe non doméstica por parte de Exipto sobre a Franxa de Gaza e o dominio xordano sobre Cisxordania.
No seu libro Palestinian Identity: The Construction of Modern National Consciousness (1997), o historiador Rashid Khalidi sinala que a estratificación arqueolóxica que amosa a historia de Palestina —abranguendo os períodos bíblico, romano, bizantino, omeia, fatimí, cruzado, aiúbida, mameluco e otomán— forma parte da identidade do pobo palestino contemporáneo tal e como se chegou a entender ao longo do século XIX,[4] mais rexeita os esforzos dalgúns nacionalistas palestinos en intentar rastrexar anacronicamente na historia unha conciencia nacionalista que é, de feito, relativamente moderna.[5] Khalidi subliña que a identidade palestina nunca foi exclusiva e que o arabismo, a relixión e as lealdades locais sempre xogaron un papel salientable.[6] Afirma que a identidade nacional moderna dos palestinos ten a súa orixe nos discursos nacionalistas que xurdiron entre os pobos do Imperio Otomán a finais do século XIX, e agudizouse trala delimitación das fronteiras dos estados-nacións modernos do Oriente Medio, despois da primeira guerra mundial.[6] Recoñece que o sionismo tivo a súa importancia na formación desta identidade, mais declara que «é un grave erro suxerir que a identidade palestina principalmente como unha resposta ao sionismo».[6] Khalidi describe a poboación da Palestina mandataria como unha poboación con «identidades superpostas», que expresaban lealdades cara a vila, rexións, o prexecto de nación palestina, a inclusión na Gran Siria, o proxecto nacional árabe e o islam.[7] Apunta que «o patriotismo local aínda non se podía describir como un nacionalismo de estado-nación».[8]
O historiador israelí Haim Gerber, profesor de Historia islámica na Universidade Hebrea de Xerusalén, fai remontar o nacionalismo palestino a un xurista islámico do século XVII, o muftí Khayr al-Din al-Ramli (1585–1671), que vivía en Ramala. Asegura que os edictos relixiosos (fatwa, plural fatawa) de Khayr al-Din al-Ramli, que foron recompilados en 1670 baixo o título al-Fatawa al-Khayriyah, demostran unha conciencia territorial: «Estas 'fatawa' son arquivos contemporáneos sobre a época, e dan unha visión complexa das relacións agrarias». Nesta recompilación de fatawa de 1670, Khayr al-Din al-Ramli emprega conceptos como Filastin, biladuna (o noso país), al-Sham (Siria), Misr (Exipto) e diyar (país), en sentidos que parecen ir máis aló da xeografía obxectiva. Gerber descríbeo como «unha conciencia territorial embrionaria, aínda que se refira a unha conciencia social máis que a unha conciencia política».[9]
O historiador Baruch Kimmerling e o especialista en relacións internacionais Joel Migdal[10] consideran que a revolta árabe de 1834 en Palestina é o primeiro acontecemento nacionalista do pobo palestino,[11] mentres que Benny Morris asegura que os árabes de Palestina se mantiveron como parte dun movemento nacionalista panislámico ou panárabe máis amplo.[12]
No seu libro The Israel-Palestine Conflict: One Hundred Years of War, o especialista en historia de Oriente Próximo James L. Gelvin declara que «O nacionalismo palestino xurdiu durante o período de entreguerra en resposta á inmigración e os asentamentos sionistas».[13] Matiza afirmando que este feito non resta lexitimidade á identidade palestina: «O feito de que o nacionalismo palestino se desenvolveu máis tarde que o sionismo, e en resposta a este, non disminúe de ningunha maneira a lexitimidade do nacionalismo palestino nin o fai menos válido que o sionismo. Todos os nacionalismos xorden en oposición a algún "outro". Se non, por que existiría a necesidade de afirmar quen é un? Todos os nacionalismos nacen en oposición ao "outro". E todos os nacionalismos defínense por aquilo ao que se opoñen.»[13]
Bernard Lewis sostén que os árabes palestinos do Imperio Otomán non opoñían unha nación palestina ao sionismo, porque o concepto de nación era un concepto descoñecido para os árabes da rexión naquela época, e que non apareceu até máis tarde. Mesmo o concepto de nacionalismo árabe nas provincias árabes do Imperio Otomán «non alcanzou proporcións significantes até o estoupido da primeira guerra mundial».[14]
Daniel Pipes afirma que «Non existía un pobo árabe palestino ao inicio de 1920, pero no mes de decembro tomou unha forma recoñecible e comparable coas de hoxe en día». Pipes sostén que coa creación do mandato británico de Palestina a partir da Gran Siria, os árabes do mandato víronse obrigados a adaptarse á súa situación e comezaron entón a definirse como palestinos.[15]