O Mariscal | |
---|---|
![]() | |
Autor/a | Ramón Cabanillas e Antón Villar Ponte |
Ilustrador/a | Álvaro Cebreiro |
Orixe | Galiza |
Lingua | Galego |
Xénero(s) | Teatro |
Editorial | Editorial Lar |
Data de pub. | 1926 |
Páxinas | 194 |
[ editar datos en Wikidata ] |
O Mariscal é unha obra teatral de intención política escrita por Ramón Cabanillas e Antón Villar Ponte, baseada na vida de Pardo de Cela. Se ben o primeiro manuscrito está datado en Mos en 1920, foi publicada pola editorial Lar en 1926, con debuxos de Álvaro Cebreiro.
A trama foi idea de Antón Villar Ponte, que pretendía introducirse na recreación do mito popular máis ca na realidade histórica. A escrita levouna a cabo Cabanillas, influenciado polo irlandés William Butler Yeats.
Retoma a confrontación entre Galiza (representada pola torre da Frouseira) e Castela, cunha fonda oposición de valores (ben-mal, nobreza-traizón, idealismo-materialismo, cabaleiros-mercenarios, luz-sombra, Graal-bens materiais). Amais, trátanse temas como a relixión, a liberdade e a morte.
Hai un forte simbolismo na caracterización. Unha vella representa a raza. O propio mariscal aparece representado como un mártir, parello a Cristo. Como personaxes reais, aparecen tamén a súa muller (Sabela de Castro), o seu curmán (Pedro de Miranda), o seu fillo Pedro e as súas fillas Xoana e Beatriz, e o nobre Afonso Yáñez e Aguiar. Outros personaxes son Lois Marcos Mudarra (francés ao servizo de Castela) e a súa tropa, servidores do pazo de Castrodouro e cóengos do cabido de Mondoñedo.
Recupera a figura do mariscal Pardo de Cela, executado en 1483 por orde dos Reis Católicos.
O estilo poético é similar ao usado por Cabanillas en Na noite estrelecida. Adoita usar o romance octosílabo para os monólogos, usando tamén pareados alexandrinos, ao igual que a estrutura principal do ciclo artúrico.
O Mariscal é un símbolo da resistencia galega fronte á política centralista dos reis, e convértese nunha referencia fundamental para o nacionalismo de comezos do século XX.
A historia comeza cun prólogo ambientado na actualidade. O acto primeiro desenvólvese nun día e unha noite de inverno. O acto segundo ten lugar a noite do 7 de decembro de 1483. O acto terceiro abrangue o amencer e a mañá dun día pouco despois do anterior.
O prólogo está ambientado nun espazo mítico. O espazo real aparece representado na campía de Valadouro (primeiro acto), o pazo de Castrodouro (primeiro e segundo acto), o calabozo da cadea de Mondoñedo e a ponte do Pasatempo (terceiro acto).
En 1929 a obra foi musicada por Eduardo Rodríguez-Losada Rebellón, co libreto adaptado polos propios autores. A peza lírica foi estreada o 31 de maio de 1929 no Teatro Circo Tamberlick de Vigo[1]. Representouse tamén en Pontevedra, Ferrol, A Coruña e Madrid, con figurinos e decorados deseñados por Camilo Díaz Baliño. No 2010 volveu aos escenarios, musicada pola Orquestra Sinfónica de Galicia e dirixida por Joám Trillo. Nas voces estiveron Teresa Novoa (soprano), Javier Franco (barítono) e Pablo Carballido (tenor).
En 1994 foi representada polo Centro Dramático Galego como teatro de monicreques, baixo dirección de Marcelino de Santiago.