-
Primeiro proxecto para a fachada, de Domingo Rodríguez Sesmero.[18]
-
Anuncio publicitario do teatro no Faro de Vigo do 14 de maio de 1922.
-
Publicidade, con debuxo de Camilo Díaz, no Catálogo de Vigo de 1922-23.[21]
Coordenadas: 42°14′10″N 8°43′23″O / 42.236138888889, -8.7229166666667
Teatro Circo Tamberlick | |
---|---|
![]() Fachada trala reforma de 1907 | |
Localización en Galicia | |
Enderezo | rúa Eduardo Iglesias |
Cidade | Vigo |
País | ![]() |
Arquitecto/s | Domingo Sesmero Alejandro Sesmero |
Capacidade | 800 - 1104 |
Inauguración | 11 de outubro de 1882 |
Peche | 4 de febreiro de 1989 |
Demolición | 1991 |
O Gran Teatro Circo Tamberlick foi un centro de representación escénica, circense (espectáculos ecuestres e ximnásticos) e sala de cinema de titularidade privada situado na cidade de Vigo. Inaugurouse o 11 de outubro de 1882 e demoleuse en 1991.
Situado na rúa do Circo, hoxe rúa Eduardo Iglesias, os seus donos iniciais foron Augusto Bárcena Franco, Francisco Martínez Villoch e Mariano Pérez. Cun orzamento de 40.000 pesetas, obtivo licenza de obra o 30 de marzo de 1882.[1]
O arquitecto municipal Domingo Rodríguez Sesmero aplicou en interior e exterior, para o primeiro proxecto (non realizado), unha decoración orientalista. O modelo que seguiu debeu ser o Teatro Circo Price, construído en 1880 en Madrid polo arquitecto Agustín Ortiz.[2] O 2 de maio de 1882, os promotores presentaron unha solicitude para variar o deseño da fachada, asinado tamén por Domingo Sesmero, alegando aforro de tempo de construción, pois a nova era moito máis sinxela e con menos ornamentos.[3]
Tiña unha bancada case que circular ao redor dunha pista de 13 metros de diámetro, con cinco filas de asentos abaixo, un nivel de 29 palcos enriba e outro de galería superior.[4]
Foi estreado o 11 de outubro de 1882 polo tenor italiano Enrico Tamberlick que, á fronte da súa compañía, protagonizou a sesión inaugural coa ópera en tres actos Poliuto de Gaetano Donizetti.[5] Sucesivamente, Vigo asistiu ás representacións de Rigoletto, L'Africaine, Il trovatore, Dinorah, Un ballo in maschera, Fausto, Lucrecia Borgia, Marina, La traviata, Aida, I puritani, Ernani, La sonnambula e Linda di Chamounix.[6] No verán de 1883 celebráronse uns xogos florais baixo a presidencia de Emilio Castelar.[7] En 1894 engadiuse un remate superior de fachada, colocando unha peita co nome. Ese ano recibíronse cinco compañías e representáronse 110 obras diferentes.
O 29 de abril de 1897 tivo lugar neste teatro a primeira proxección cinematográfica na cidade de Vigo, procedente do Teatro do Liceo de Pontevedra,[a] composta por doce pezas de cine mudo do Cinématographe Lumière (L'Arroseur arrosé, L'Arrivée d'un train en gare de La Ciotat,…). Estivo ao cargo dos portugueses César Marques e Alexandre Pais de Azevedo, delegados da casa Lumière.[8] As proxeccións proseguiron en Tui (o 13 de maio no Teatro local), A Coruña[b] (o 23 de maio no n.° 25 da rúa Real), Ferrol (o 16 de xuño nun local da rúa Real) e Lugo (o 7 de xullo no Teatro-Circo).[9][10]
O 6 de xaneiro de 1900, Pablo Iglesias Posse, fundador do PSOE, pronunciou no Tamberlick un discurso de hora e media de duración.[11] En 1921 o Teatro acolleu a III Asemblea Nacionalista,[12] e en 1925 celebrouse un acto de homenaxe a Ricardo Mella logo do seu falecemento.[13]
En 1907 o arquitecto Manuel Felipe Quintana Ochaita firmou un proxecto de marquesiña para a parte dianteira da fachada, que non se executou. Nesas datas o propietario era Francisco Molíns.[14] O local funcionou durante moitos anos como sala de cine, explotada polo empresario Isaac Fraga Penedo, propietario desde 1920, que reformou a pista para convertela en platea con butacas, colocando a cabina ao fondo do primeiro nivel de palcos. En 1922 Fraga estreou nel películas realizadas por Alejandro Pérez Lugín sobre a Guerra do Rif.[4] Na medición da capacidade practicada polo concello o 7 de novembro de 1923 o Tamberlick ocupaba o primeiro posto con 1.104 prazas, seguido do Teatro Odeón con 733, o Royalty con 603 e o Ideal Cinema con 574.[11] O 31 de maio de 1929 estreouse neste lugar a obra de teatro O Mariscal, de Ramón Cabanillas e Antón Villar Ponte.[12]
A primeira proxección de cine sonoro en Vigo tamén foi no Tamberlick, o 14 de marzo de 1930, a cinta foi The Jazz Singer. O 1 de abril de 1933 acolleu a disputa do combate de boxeo entre Ángel Sobral e Pastor Milanés, polo campionato de España de peso medio.[15].
O derradeiro filme proxectado foi Quen enganou a Roger Rabbit? (1988).[4] Na súa demolición, en 1991, conservouse a fachada de pedra. O resto do predio é agora un patio de veciños.[16]
En 2022 a produtora viguesa Culturinvest deciciu homenaxear a senlleira sala de espectáculos bautizando o seu circo itinerante como Circo Tamberlick[17].
![]() |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Teatro Circo Tamberlick ![]() |