Rock progresivo | |
---|---|
![]() Pink Floyd en 1973 | |
Orixe musical | rock psicodélico, jazz fusion, blues rock, hard rock, folk rock, músicas do mundo, música electrónica, música clásica, free jazz |
Orixe cultural | mediados-finais dos 60 no Reino Unido, Estados Unidos, Italia e Alemaña |
Instrumentos típicos | guitarra, baixo, teclados, piano, batería |
Derivados | Krautrock, música new age, math rock, post-rock, space music, new wave |
Subxéneros | |
metal progresivo, rock sinfónico, rock neo-progresivo, new prog, space rock, krautrock, zeuhl | |
O rock progresivo (tamén coñecido como prog rock ou prog) é un amplo subxénero do rock que naceu no Reino Unido e nos Estados Unidos entre mediados e finais dos anos 60 e tivo o seu máximo esplendor na década dos 70, aínda que hoxe en día continúa sendo un xénero moi popular. É comunmente asociado ao rock sinfónico e ao art rock, aínda que o termo rock progresivo actualmente abarca un espectro de música moito maior que eses dous xéneros.
O rock progresivo acostuma combinar elementos do jazz, da música clásica, do folk e das músicas do mundo con formatos típicos do rock, a miúdo rexeitando determinadas normas do xénero, e usando porén estruturas musicais e ideas relativamente raras. As partes instrumentais adoitan a ser comúns, mentres que as cancións con letra tenden a ser conceptuais, abstractas ou baseadas na fantasía.
O xénero desenvolveuse a finais dos anos 60 a partir do rock psicodélico, como parte dunha ampla tendencia na música rock desa época de inspirarse en cada vez máis diversas influencias. O termo foi inicialmente aplicado á música de bandas como Pink Floyd, King Crimson, Yes, Genesis, Jethro Tull, Soft Machine e Emerson, Lake & Palmer, acadando a súa máxima popularidade a mediados dos anos 70.
O termo "rock progresivo" é sinónimo de "art rock", "rock clásico" (que non se debe confundir co formato do mesmo nome usado na radio), e "rock sinfónico".[1] Historicamente, "art rock" foi usado para describir polo menos dous tipos de rock relacionados aínda que distintos.[2] O primeiro é o rock progresivo como se entende xeralmente, mentres que o segundo uso refírese a grupos que rexeitaron a psicodelia e a contracultura hippie en favor dun enfoque modernista e vangardista.[2] As semellanzas entre os dous termos son que ámbolos dous describen un intento, maiormente británico, de elevar a música rock a novos niveis de credibilidade artística. Porén, é máis probable que o art rock teña influencias experimentais ou vangardistas.[3] O "Prog" ideouse na década dos 90[4] como un termo abreviado, pero despois converteuse nun adxectivo transferible, o que tamén suxire unha paleta máis ampla que a das bandas máis populares da década dos 70.[5]
O rock progresivo é variado e está baseado en fusións de estilos, enfoques, e xéneros, aproveitando resonancias culturais máis amplas que o conectan coa arte de vangarda, a música clásica e o folk, a performance e a imaxe en movemento. Aínda que a finais da década dos 60 xurdiu un estilo "progresivo" inglés unidireccional, en 1967 o rock progresivo chegara a constituír unha diversidade de códigos de estilo vagamente asociados.[6] Cando a etiqueta "progresiva" chegou, a música foi bautizada como "pop progresivo" antes de pasar a chamarse "rock progresivo",[7] referíndose o termo "progresivo" á ampla gama de intentos de romper coa fórmula estándar da música pop.[8] Distintos factores adicionais axudaron á adquisición da etiqueta "progresivo": as letras eran máis poéticas; a tecnoloxía aproveitouse para novos sons; a música achegouse á condición de "arte"; importouse algo de linguaxe harmónica do jazz e a música clásica do século XIX; o formato de álbum superou aos dos sinxelos; e o estudio, en lugar do escenario, converteuse no centro da actividade musical, que a miúdo implicaba crear música para escoitar, non para bailar.[9]
Os críticos do xénero adoitan limitar o seu alcance a un estereotipo de solos longos, letras de fantasía, escenarios grandiosos e disfraces, álbums demasiado extensos, e unha dedicación obsesiva ás habilidades técnicas.[10] Aínda que o rock progresivo soe ser citado pola súa fusión de alta e baixa cultura, poucos artistas incorporaron temas clásicos literais no seu traballo en gran medida,[11] e só un feixe de grupos emularon ou fixeron referencia á música clásica a propósito.[5] A escritora Emily Robinson di que a definición restrinxida de "rock progresivo" foi unha medida contra a aplicación flexible do termo a finais da década dos 60, cando "se aplicou a todos, dende Bob Dylan ata os Rolling Stones". O debate sobre o criterio do xénero continuou ata a década de 2010, particularmente nos foros de Internet dedicados ao progresivo.[4]
Segundo os musicólogos Paul Hegarty e Martin Halliwell, Bill Martin e Edward Macan escribiron libros importantes sobre o rock progresivo mentres "aceptaban efectivamente a caracterización do rock progresivo ofrecida polos seus críticos. ... cada un faino en gran medida inconscientemente".[10] O académico John S. Cotner cuestiona a opinión de Macan de que o rock progresivo non pode existir sen a asimilación continua e aberta da música clásica ao rock.[6] O autor Kevin Holm-Hudson está de acordo con que "o rock progresivo é un estilo moito máis diverso do que se escoita nos seus grupos mainstream e do que dan a entender os críticos pouco comprensivos".[12]
Nas primeiras referencias á música, "progresivo" estaba parcialmente relacionado coas políticas progresistas, pero todas esas connotacións perdéronse durante os anos 70.[4] Sobre a "música progresiva", Holm-Hudson escribe que "se move continuamente entre referencias explícitas e implícitas a xéneros e estratexias derivadas non só da música artística europea, senón tamén doutros dominios culturais (como o indio oriental, o celta, o folk e o africano) e polo tanto implica un continuo movemento estético entre o formalismo e o eclecticismo".[13] Cotner tamén di que o rock progresivo incorpora tanto elementos formais como eclécticos, "consiste nunha combinación de factores, algúns deles intramusicais ('dentro'), outros extramusicais ou sociais ('fóra')".[14]
Un xeito de definir o rock and roll en relación coa "música progresiva" é que a música progresiva empuxou o xénero cara unha maior complexidade ao tempo que volvía sobre as raíces da música romántica e clásica.[15] O sociólogo Paul Willis cre: "Nunca debemos dubidar de que a música 'progresiva' seguiu ao rock 'n' roll, e que non podía ser doutro xeito. Podemos ver o rock 'n' roll como unha deconstrución e a música 'progresiva' como unha reconstrución".[16] O autor Will Romano di que "o propio rock pode ser interpretado como unha idea progresiva ... Ironicamente, e tamén bastante paradoxalmente, o 'rock progesivo', a era clásica de finais da década de 1960 ata mediados e finais da década de 1970, introduce non só os sons explosivos e exploratorios da tecnoloxía ... senón tamén formas musicais tradicionais (clásica e folk europeo) e (a miúdo) un estilo compositivo de pastiche e construcións artificiais (álbums conceptuais) que suxire posmodernismo".[17]
En 1966, o nivel de correspondencia social e artística entre músicos de rock británicos e estadounidenses acelerouse drasticamente para bandas como Beatles, The Beach Boys e The Byrds, que fusionaron elementos da música culta coas tradicións vernáculas do rock.[18] O rock progresivo baseouse nos grupos de pop "progresivo" da década dos 60 que combinaron o rock and roll con outros estilos musicais como ragas indios, melodías orientais e cantos gregorianos, como os Beatles e The Yardbirds.[19] Paul McCartney dos Beattles dixo en 1967: "nós [a banda] aburríamonos un pouco facendo 12 compases todo o tempo, así que tratamos de entrar noutra cousa. Entón chegaron Dylan, The Who, e The Beach Boys. ... Todos estamos tratando de facer vagamente o mesmo tipo de cousa".[20] A música rock comezou a tomarse seriamente a si mesma, en paralelo aos intentos anteriores no jazz (cando o swing deu paso ao bop, un movemento que non tivo éxito co público). Neste período, a canción popular comezou a sinalar un nuevo medio de expresión posible que ía máis aló da canción de amor de tres minutos, o que levou a unha intersección entre o "underground" e o "establishment" para o público.[21]
Hegarty e Halliwell identifican aos Beatles, The Beach Boys, The Doors, The Pretty Things, The Zombies, The Byrds, Grateful Dead e Pink Floyd "non só como precursores do rock progresivo, senón como desenvolvementos esenciais do progresismo nos seus primeiros días".[22] Segundo o musicólogo Walter Everett, os "timbres experimentais, os ritmos, as estruturas tonais e os textos poéticos" dos Beatles nos seus álbums Rubber Soul (1965) e Revolver (1966) "animaron a unha lexión de bandas novas que crearían o rock progresivo a principios dos 70".[23] A poesía de Dylan, o álbum de The Mothers of Invention Freak Out! (1966) e o dos Beatles Sgt. Pepper's Lonely Hearts Club Band (1967) foron importantes no desenvolvemento do rock progresivo.[3] As producións de Phil Spector foron influencias clave,[24] xa que introduciron a posibilidade de usar o estudio de gravación para crear música que doutro xeito nunca podería lograrse.[25] Dise o mesmo do álbum de The Beach Boys Pet Sounds (1966), que Brian Wilson creou como unha resposta ao Rubber Soul[26] e que á súa vez influencio ao Beatles cando fixeron o Sgt. Pepper.[27][28]
Dylan introduciu un elemento literario no rock a través da súa fascinación polo surrealismo e o simbolismo francés, e da súa inmersión na escena artística da cidade de Nova York de principios dos 60.[29] A tendencia de bandas con nomes sacados da literatura, como The Doors, Steppenwolf e The Ides of March, foron un sinal máis de que a música rock se aliñaba coa alta cultura.[30] Dylan tamén abriu o camiño na combinación de rock con estilos de música folclórica. Este foi seguido por grupos de folk rock como The Byrds, que baseou o seu son inicial no dos Beatles.[31] Á súa vez, as harmonías vocais de The Byrds inspiraron ás de Yes,[32] e as de bandas de folk rock británicas como Fairport Convention, que enfatizaron o virtuosismo instrumental.[33] Algún deses artistas, como The Incredible String Band e Shirley e Dolly Collins, resultarían influíntes a través do uso de instrumentos tomados da música mundial e da música antiga.[34]
Pet Sounds e Sgt. Pepper, coa súa unidade lírica, estrutura estendida, complexidade, eclecticismo, experimentación, e influencias derivadas de formas musicais clásicas, son amplamente vistos como os inicios do xénero do rock progresivo[35][36] e como puntos de inflexión nos que o rock, que anteriormente fora considerado música de baile, converteuse en música que estaba feita para ser escoitada.[37][38] Entre Pet Sounds e Sgt. Pepper, The Beach Boys editaron o sinxelo "Good Vibrations" (1966), bautizado como "unha sinfonía de peto" por Derek Taylor, opublicista da banda. A canción contiña unha variedade ecléctica de instrumentos exóticos e varias claves disxuntivas e cambios de modos. Scott Interrante de Popmatters escribiu que a súa influencia no rock progresivo e no movemento psicodélico "non se pode esaxerar".[39] O filósofo e escritor Bill Martin comparou a canción con "A Day in the Life" do Sgt. Pepper dos Beatles, no sentido de que amosan "as mesmas razóns polas que é difícil bailar moito rock progresivo".[40]
Aínda que Sgt. Pepper foi precedido por varios álbums que comezaran a transitar a liña entre pop "desbotable" e rock "serio", deu con éxito unha voz "comercial" establecida a unha cultura xuvenil alternativa[41] e marcou o punto no que o disco de longa duración (LP) xurdíu como un formato creativo cuxa importancia era igual ou maior que a do sinxelo.[42] Bill Bruford, un veterano de varias bandas de rock progresivo, dixo que o Sgt. Pepper transformou tanto as ideas dos músicos do que era posible como as ideas do público sobre o que era aceptable na música.[43] Cría que: "sen os Beatles, ou calquera outro que fixese o que os Beatles fixeron, é xusto supoñer que non tería habido rock progresivo".[44] A raíz do Sgt. Pepper, revistas como Melody Maker debuxaron unha liña nítida entre "pop" e "rock", eliminando así o "roll" de "rock and roll" (que agora facía referencia ao estilo dos anos 50). Os únicos artistas que seguiron sendo "rock" foron aqueles consideradas á vangarda das formas compositivas, lonxe dos estándares "radio friendly", a medida que os estadounidenses usaban cada vez máis o adxectivo "progresivo" para grupos como Jethro Tull, Family, East of Eden, Van der Graaf Generator e King Crimson.[45]
Segundo AllMusic: "O prog-rock comezou a emerxer da escena psicodélica británica en 1967, especificamente unha variedade de rock clásico/sinfónico liderado por The Nice, Procol Harum, e The Moody Blues (Days of Future Passed)".[46] A dispoñibilidade de novo equipamento de gravación máis económico coincidíu co xurdimento dunha escena underground de Londres na que se usaba comunmente a droga psicodélica LSD. Pink Floyd e Soft Machine funcionaron como bandas residentes en eventos nocturnos de locais como o Middle Earth e o UFO Club, onde experimentaban con texturas de son e cancións longas.[47] Moitas bandas de psicodelia, folk rock e da primeira música progresiva foron axudadas polo DJ da BBC Radio 1 John Peel.[48] Jimi Hendrix, que se fixo famoso na escena de Londres e gravou cunha banda de músicos ingleses, iniciou a tendencia cara o virtuosismo e a excentricidade da guitarra na música rock.[49] A banda escocesa 1-2-3, despois chamada Clouds, formouse en 1966 e comezou a actuar en clubs londinienses un ano despois. Segundo George Knemeyer de Mojo: "algúns afirman [que eles] tiveron unha influencia vital nos rockeiros progresivos como Yes, The Nice e Family".[50]
Artistas de rock sinfónico de finais dos 60 tiveron algún éxito nas listas, incluídos os sinxelos "Nights in White Satin" (The Moody Blues, 1967) e "A Whiter Shade of Pale" (Procol Harum, 1967).[51] The Moody Blues estableceu a popularidade do rock sinfónico cando gravou Days of Future Passed xunto coa London Festival Orchestra, e Procol Harum comezou a usar unha gran variedade de instrumentos acústicos, particularmente no seu álbum de 1969 A Salty Dog.[52] A influencias clásicas ás veces tomaron a forma de pezas adaptadas ou inspiradas en obras clásicas, como "Beck's Bolero" de Jeff Beck e partes do Ars Longa Vita Brevis de The Nice. Este último, xunto con outros temas de The Nice como "Rondo" e "America", reflicten un maior intersese na música que é enteiramente instrumental. O Sgt. Pepper's e o Days representan unha tendencia crecente cara ciclos de cancións e suites formados por varios movementos.[52]
Focus incorporou e articulou acordes estilo jazz, e percusión de ritmo irregular nos seus riffs posteriores baseados no rock, e xurdiron varias bandas que incluíron seccións de ventos de tipo jazz, como Blood, Sweat & Tears e Chicago. Desas, Martin destaca en particular a Chicago pola súa experimentación con suites ecomposicións estendidas, como "Ballet for a Girl in Buchannon" en Chicago II.[53] As influencias jazz apareceron na música de bandas británicas como Traffic, Colosseum e If, xunto con bandas da escena de Canterbury como Soft Machine e Caravan. Os grupos desta escena enfatizaron o uso de instrumentos de vento, de complexos cambios de acordes e de longas improvisacións.[54] Martin escribe que en 1968, "o rock progresivo en toda regra" aínda non existía, pero tres bandas editaron álbums que posteriormente estarían á vangarda da música: Jethro Tull, Caravan e Soft Machine.[55]
O termo "rock progresivo", que aparece no libreto do álbum de estrea de Caravan de 1968, chegou a aplicarse a bandas que usaban técnicas de música clásica para expandir os estilos e conceptos dispoñibles para a música rock.[56][57] The Nice, The Moody Blues, Procol Harum e Pink Floyd tiñan elementos do que agora chamamos rock progresivo, pero ningún deles representou un exemplo tan completo do xénero como varias bandas que se formaron pouco despois.[58] Case todas as principais bandas do xénero, incluídos Jethro Tull, King Crimson, Yes, Genesis, Van der Graaf Generator, ELP, Gentle Giant, Barclay James Harvest e Renaissance, editaron os seus álbums de estrea durante os anos 1968-1970. A meirande parte deles eran álbums de folk-rock, o que daba poucas pistas de en que se convertería o son maduro das bandas, pero o In the Court of the Crimson King (1969) de King Crimson e o álbum de estrea autotitulado de Yes (1969) foron exemplos temperáns e completamente formados do xénero.[59]
A meirande parte das principais bandas do xénero publicaron os seus mellores álbums entre os anos 1971 e 1976.[60] O xénero experimentou un alto grao de éxito comercial durante os primeiros anos 70. Jethro Tull, ELP, Rush, Yes e Pink Floyd conseguiron catro álbums que acadaron o número un nas listas estadounidenses, e dezaseis que entraron no top 10.[61] O Tubular Bells (1973) de Mike Oldfield, un extracto do cal se utilizou como tema da película O exorcista, vendeu 16 millóns de copias.[62]
O rock progresivo chegou a ser apreciado no estranxeiro, pero na súa meirande parte seguiu sendo un fenómeno europeo, e especialmente británico. Poucas bandas estadounidenses involucráronse no xénero, e os seus representantes máis puros, como Starcastle e Happy the Man, quedaron limitados ás súas propias áreas xeográficas.[63] Isto débese, polo menos en parte, ás diferenzas entre a industria musical estadounidense e británica.[42] Tamén influíron factores culturais, xa que os músicos dos Estados Unidos adoitaban vir dun transfondo blues, mentres que os europeos adoitaban ter unha base máis clásica.[64] As bandas e artistas de rock progresivo de América do Norte a miúdo representaban estilos híbridos como os complexos arranxos de Utopia de Todd Rundgren[65] e Rush, o hard rock de Captain Beyond, o progresivo tinxido de rock sureño de Kansas, o jazz fusion de Frank Zappa e Return to Forever, e a ecléctica fusión dos totalmente instrumentais Dixie Dregs.[66][67][68][69][70] Os artistas británicos de rock progresivo tiveron os seus maiores éxitos nos Estados Unidos nas áreas xeográficas nas cales as bandas británicas de heavy metal experimentaban a súa maior popularidade. A superposición de audiencias levou ao éxito das bandas de arena rock, como Boston, Kansas e Styx, que combinaron elementos dos dous estilos.[66]
O rock progresivo acadou a popularidade na Europa continental máis rápido que nos Estados Unidos. Italia permaneceu xeralmente desinteresada da música rock ata a chegada da forte escena de rock progresivo italiana desenvolvida a principios dos 70.[71] En Iugoslavia o xénero xurdiu a finais dos anos 60, dominando a escena rock do país ata finais dos 70.[72][73] Poucos grupos europeos tiveron éxito fóra dos seus países, coas excepcións de bandas neerlandesas como Focus e Golden Earring, que tiñan as letras en inglés, e italianas como Le Orme e PFM, con letras en inglés escritas por Peter Hammill e Peter Sinfield, respectivamente.[74] Algunhas bandas europeas tocaban nun estilo derivado das bandas inglesas.[75] A escena de música "Kosmische" en Alemaña pasaría a etiquetarse internacionalmente como "krautrock"[76] e adoita a ser citada como parte do xénero do rock progresivo ou como un fenómeno totalmente distinto. Bandas de krautrock como Can, que incluía a dous membros que estudaran con Karlheinz Stockhausen,[77] tendían a estar máis fortemente influenciadas pola música clásica do século XX que as bandas británicas de rock progresivo, cuxo vocabulario musical inclinouse máis cara a época romántica. Moitos deses grupos foron moi ifluíntes incluso entre as bandas que tiñan pouco entusiasmo pola variedade sinfónica do rock progresivo.[78]
Ao mesmo tempo, populares músicos afroamericanos baseáronse no enfoque conceptual orientado ao álbum do rock progresivo. Isto levou cara un movemento de soul progresivo nos anos 70 que inspirou a un novo pop negro con musicalidade máis sofisticada e un liricismo máis ambicioso.[79] Entre eses músicos estaban Sly Stone, Stevie Wonder, Marvin Gaye, Curtis Mayfield e George Clinton.[80] Ao discutir o desenvolvemento, Martin cita os álbums dos 70 de Wonder (Talking Book, Innervisions, Songs in the Key of Life), War (All Day Music, The World Is a Ghetto, War Live), e The Isley Brothers (3 + 3), mentres que destaca que o álbum de The Who influeciado polo rock progresivo Who Are You (1978) tamén influenciou á variante soul.[81] Dominic Maxwell de The Times chama aos álbums de Wonder de mediados dos 70 "soul progresivo do máis alto nivel, impulsando a forma pero sempre sincero, ambicioso e escoitable".[82]
As tendencias políticas e sociais de finais dos 70 afastáronse das actitudes hippies de principios da década, que levaran ao desenvolvemento e popularidade do xénero. O auxe do cinismo punk fixo que os ideais utópicos expresados nas letras do rock progresivo pasaran de moda.[83] Rexeitouse o virtuosismo, xa que o gasto de mercar instrumentos de calidade e a inversión de tempo para aprender a tocalos considerábanse barreiras para a enerxía e a inmediatez do rock.[84] Tamén houbo cambios na industria musical ao desaparecer discográficas e ao crearse grandes conglomerados de medios tras fusións. A promoción e desenvolvemento da música experimental non formaba parte das estratexias de márketing desas grandes corporacións, que centraron a súa atención en identificar e orientarse cara nichos de mercado rendibles.[85]
Catro das bandas de rock progresivo máis exitosas (King Crimson, Yes, ELP e Genesis) entraron en hiato ou experimentaron grandes cambios de persoal a mediados dos anos 70.[86] Macan destaca a ruptura de King Crimson en setembro de 1974 como un feito particularmente significativo, chamándoo o punto no que "todas as bandas inglesas do xénero deberían ter deixado de existir".[87] Máis bandas principais, incluídas Van der Graaf Generator, Gentle Giant e U.K., disolvéronse entre 1978 e 1980.[88] A mediados da década dos 70 moitos grupos xa acadaran o límite do que podían experimentar nun contexto de rock, e os fans cansáranse das composicións épicas longas. Os sons do Hammond, do Minimoog e do Mellotron foran explorados a fondo, e o seu uso converteuse nun cluché. Aquelas bandas que continuaron gravando a miúdo simplificaron o seu son, e o xénero fragmentouse partir de finais da década dos 70.[89] Segundo a opinión de Robert Fripp, unha vez que o "rock progresivo" deixou de cubrir un novo terreo, converténdose nun conxunto de convencións para ser repetidas e imitadas, a premisa do xénero deixou de ser "progresiva".[90]
A época dos selos discográficos investindo nos seus artistas, dándolles liberdade para experimentar e control limitado sobre o seu contido e comercialización rematou a finais dos anos 70.[91] O persoal A&R (artistas e repertorio) dos selos exerceron un control cada vez maior sobre o proceso creativo que antes pertencía aos artistas,[92] e artistas establecidos foron forzados para crear música con harmonías e estruturas máis sinxelas e menos cambios no compás. Varias bandas de pop sinfónico, como Supertramp, 10cc, The Alan Parsons Project e Electric Light Orchestra, levaron os arranxos de estilo orquestral a un contexto que enfatizaba os sinxelos pop ao tempo que permitían instancias ocasionais de exploración. Jethro Tull, Gentle Giant e Pink Floyd optaron por un son máis duro ao estilo do arena rock.[93]
Poucas bandas progresivas novas formáronse nesa época, e as que naceron decatáronse de que os selos non estaban interesadas nelas.[94] O supergrupo de curta vida U.K. foi unha notable excepción xa que os seus membros tiñan boa reputación; produciron dous álbums que eran estilisticamente semellantes a anteriores artistas e fixeron moi poucos avances no xénero.[95] Parte do legado do xénero nese período foi a súa influencia noutros estilos, xa que varios guitarristas europeos levaron o enfoque do rock progresivo ao heavy metal, sentando as bases do metal progresivo. Michael Schenker, de UFO; e Uli Jon Roth, que substituíu a Schenker en Scorpions, ampliaron o vocabulario modal dispoñible para os guitarristas.[96] Roth estudou música clásica coa intención de usar a guitarra do mesmo xeito que os compositores clásicos usaban o violín.[97] Finalmente, os neerlandeses e con formación clásica Alex e Eddie Van Halen formaron Van Halen, con innovadoras interpretacións de guitarra con técnicas como o trémolo, o tapping e o crosspicking[98] que influenciaron á música "shred" nos 80.[99]
Algúns artistas consagrados movéronse cara estilos máis sinxelos e máis viables comercialmente.[100][1] Bandas de arena rock como Journey, Kansas, Styx, GTR, ELO e Foreigner ou comezaran como grupos de rock progresivo ou tiñan membros moi ligados ao xénero. Eses grupos retiveron parte da complexidade nos seus temas e arranxos de tipo orquestral, pero afastáronse do misticismo lírico en favor de temas máis convencionais como as relacións persoais,[101] e foron coñecidos como "prog lite".[102] Genesis transformouse nun exitoso grupo de pop, o supergrupo progresivo Asia (formado por membros de Yes, King Crimson, e ELP) conseguiu un álbum número 1 en 1982,[103] e unha reformada Yes publicou o relativamente mainstream 90125 (1983), que produciu o seu único sinxelo número 1 nos Estados Unidos, "Owner of a Lonely Heart". Unha banda que seguiu tendo éxito nos anos 80 mantendo un enfoque progresivo foi Pink Floyd, que publicou The Wall a finais de 1979. O álbum, que levou a ira punk ao rock progresivo,[104] foi un enorme éxito e posteriormente foi filmado como Pink Floyd - The Wall.
O punk e o rock progresivo non eran necesariamente tan opostos como adoita a crerse. Os dous xéneros rexeitan a comercialización, e as bandas de punk viron a necesidade dun avance musical.[105][62] O autor Doyle Green destacou que o post-punk xurdiu como "unha especie de 'punk progresivo'".[106] Os artistas de post-punk rexeitaron as altas referencias culturais de artistas de rock dos 60 como os Beatles e Bob Dylan, así como os paradigmas que definían ao rock como "progresivo", "arte" ou "perfeccionismo de estudio".[107] En contraste ao punk rock, equilibra a enerxía e o escepticismo do punk coa conciencia da escola de arte, a experimentación dadaísta, e paisaxes sonoras atomosféricas e ambientais. A world music, especialmente con tradicións africanas e asiáticas, tamén foi unha gran influencia.[108] O impacto do rock progresivo sentíuse no traballo dalgúns artistas punk, aínda que tendían a non emular aos grupos de rock clásico ou Canterbury, senón a grupos como Roxy Music e King Crimson, e a bandas de krautrock, particularmente Can.[109] A música de Punishment of Luxury collía elementos tanto do progresivo como do punk,[110] mentres que Alternative TV, que estaba liderada polo fudador do influínte fanzine punk Sniffin' Glue Mark Perry, xirou e editou un álbum ao vivo compartido con Here & Now, unha banda moi relacionada con Gong.[111]
O termo "post-progresivo" identifica o rock progresivo de despois de 1978 que regresa os seus principios orixinais mentres se desvincula dos estilos do progresivo dos anos 70.[112][113] Martin acredita a Brian Eno de Roxy Music como o catalizador máis importante do xénero, explicando que a súa produción de 1973-77 fusionou aspectos do rock progresivo cunha noción profética de new wave e punk.[114] O new wave, que apareceu ao redor de 1978-79 con algunhas das mesmas actitudes e estética que o punk, foi descrito por Martin como "progresista" multiplicado polo "punk".[115] As bandas do xénero tenderon a ser menos hostís cara o rock progresivo que os punks, e houbo cruces, como a participación de Fripp e Eno con Talking Heads, e o reemplazo de Rick Wakeman e Jon Anderson de Yes polo dúo pop The Buggles.[116] Cando King Crimson reformouse en 1981 publicou o álbum Discipline, do que Macan di que "inaugurou" o novo estilo post-progresivo.[117] A nova formación de King Crimson co guitarrista e vocalista Adrian Belew, que tamén colaborou con Talking Heads, tocando ao vivo co grupo e aparecendo no seu álbum de 1980 Remain in Light.[118][119] Segundo Martin, Talking Heads tamén creou "un tipo de música new-wave que foi a sintese perfecta da urxencia e actitude punk coa sofisticación e creatividade do rock progresivo. Gran parte do rock máis interesante dende esa época é claramente música 'post-Talking Heads', pero isto significa que tamén é rock post-progresivo".[114]
Unha segunda onda de bandas de rock progresivo apareceu a principios da década dos 80 e dende entón foi categorizada como un subxenero distinto chamado "rock neo-progresivo".[120][121] Estas bandas enstaban baseadas e gran parte en teclados e tocaban longas composicións con estruturas musicais e líricas complexas.[122] Varias delas ficharon por grandes selos discográficos, como Marillion, IQ, Pendragon e Pallas.[123] Gran parte dos principais artistas do xénero publicaron os seus álbums de estrea entre 1983 e 1985 e compartían o mesmo representante, Keith Goodwin, un publicista que fora instrumental na promoción do rock progresivo durante os anos 70.[124] As bandas da década anterior tiveran a vantaxe de aparecer durante un destacado momento contracultural que lles proporcionou unha audiencia potencialmente alta, pero as bandas estiveron relativamente limitadas a un nicho demográfico e resultoulles difícil conseguir seguidores. Só Marillion[125] e Saga[126] experimentaron un éxito internacional.
As bandas de neo-progresivo tenderon a usar ao Genesis da época de Peter Gabriel como "modelo principal".[127] Tamén estaban influenciadas polo funk, o hard rock e o punk rock.[128] O grupo máis exitoso do xénero, Marillion, foi especialmente acusado de asemellarse demasiado a Génesis, aínda que usaba un estilo vocal distinto, incorporaba máis elementos hard rock, e estaba fortemente influenciada por grupos como Camel e Pink Floyd.[129][130] Os autores Paul Hegarty e Martin Halliwell sinalaron que as bandas neoprogresivas non estaban tanto plaxiando o rock progresivo como creando un novo estilo a partir de elementos dese estilo, ao igual que as bandas dunha década atrás fixeran creando un novo estilo a partir do jazz e elementos clásicos.[131] O autor Edward Macan respondeu sinalando que estas bandas estaban motivadas, polo menos parcialmente, por un desexo nostálxico de preservar un estilo pasado en lugar dun impulso por innovar.[132]
Unha terceira onde de bandas de rock progresivo, que tamén pode ser descrita como unha segunda xeración de bandas neoprogresivas,[120] xurdiu nos anos 90. O uso do termo "progresivo" para describir grupos que seguen o estilo de bandas de 10 a 20 anos antes é algo controvertido, xa que se ve como unha contradición do espírito de experimentación e progreso.[133][134] Estes novos grupos foron axudados en parte pola dispoñibilidades de estudios de gravación baseados en ordenadores persoais, que reducían os gastos de produción, e de Internet, que facilitou ás bandas fóra do mainstream chegar a un público máis amplo.[135] En grandes cidades apareceron tendas de discos especializadas en rock progresivo.[133]
A música shred dos anos 80 foi unha gran influencia nos grupos de rock progresivo dos 90.[133] Algunhas das novas bandas, como The Flower Kings, Spock's Beard e Glass Hammer, tocaban un estilo sinfónico progresivo dos 70 pero cun son actualizado.[136] Varias delas comezaron a explorar is límites do CD do mesmo xeito que grupos anteriores ampliaran os límites do LP de vinilo.[137]
![]() |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Rock progresivo ![]() |