Cela | |
---|---|
Igrexa parroquial | |
Concello | Outeiro de Rei[1] |
Provincia | Lugo |
Coordenadas | 43°08′35″N 7°35′59″O / 43.1431475, -7.5995993Coordenadas: 43°08′35″N 7°35′59″O / 43.1431475, -7.5995993 |
Poboación | 264 hab. (2020) |
Entidades de poboación | 13[1] |
[ editar datos en Wikidata ] |
Santa María de Cela é unha parroquia do concello de Outeiro de Rei na comarca de Lugo, na provincia de Lugo. Segundo o Instituto Galego de Estatística,[2] en 2020 tiña 264 habitantes (129 homes e 135 mulleres), o que supón unha diminución en relación ao ano 2006 cando tiña 284 habitantes.
Pertence ao arciprestado de Aguiar, da diocese de Lugo. Limita ao norte co concello de Cospeito, ao oeste co de Rábade, ao leste coa parroquia de Taboi e ao sur coas de Folgueira e Matela. Bañada polo río Miño e o regato Regueiro, destaca a presenza no seu termo da Insua de San Roque, á cal na antigüidade levábase a pacer o gando que era transportado en barcas, chegando a xuntarse neses tempos ata 50 embarcacións.
A insua de San Roque é a illa máis grande do curso alto do Miño. Esta illa constitúe unha área representativa das zonas húmidas da Terra Chá e xunto á insua de Trabanca e a insua de Santa Mariña ou de Baixo conforma as chamadas Insuas do Miño. Todas elas forman parte da zona especial de conservación (ZEC) Parga - Ladra - Támoga e da zona núcleo da reserva da biosfera Terras do Miño. Este dobre illamento do río Miño en Cela favoreceu un bosque autóctono onde se poden ver especies como os carballos, o acivro e o freixo que conviven en harmonía.
O pasado histórico remóntase á época da dominación romana, tempo no que a parroquia recibiu o nome de Aguas Celenas. Xa na Reconquista aos árabes, realizada polo bispo Odoario, Cela foi o lugar elixido para iniciar esta tarefa, polo seu valor estratéxico.
A Torre de Cela fora construída en Fompedriña polo Mariscal Pardo de Cela, derrubada durante a Gran Guerra Irmandiña. Pertenceu aos seus descendentes, os Ribadeneira, señores de Villaguisada. Hoxe desaparecida, pódese aínda observar sobre o terreo o punto onde estivo enclavada, ó leste da igrexa parroquial.
O Pazo de Cela está tamén en Fompedriña, nunha zona chaira e fértil da ribeira esquerda do Miño. É coñecido tamén co nome de Retorta antiga. Ten dous andaes, con planta rectangular que forma un L co edificio auxiliar. Ten fábrica de cachotería de pedra de lousa, cantería en linteis e xambas. Pequena solaina no ángulo interior do conxunto e escudo de armas.
A igrexa parroquial é un templo moderno con amplo atrio, cemiterio e contorno de grandes carballos. De cruz latina, cuberta de lousa e muros de pedra revocados de cemento. Nave esvelta, cunha porta lateral Sur, a dúas augas, porta principal con lintel semiarqueado e ventá con lintel semicircular, espadana de dous vans. Piso de cemento, coro de madeira sobre os pés, pía bautismal, á esquerda, con debuxos xeométricos e pé cadrado. Cruceiro con cúpula sobre catro arcos de medio punto, cuberta a catro augas, máis elevada cá nave, e iluminada a través de catro óculos laterais. Ten un retablo maior, moderno, sen valor. Tamén hai un retablo da capela lateral dereita, neogótico coa Inmaculada e San Roque, o Neno, un can e unhas chaves ós pés (s. XVII). A cruz parroquial é de prata repuxada (s. XVIII).
O cruceiro de Meidonín está situado nun cruzamento de camiños no lugar de Meidonín é de propiedade particular. Presenta dúas inscricións: unha na base na que se le "San Roque", debaixo da representación escultórica do Santo e dun devoto. E outra no fuste, onde aparece a data do cruceiro: 1885.
O cruceiro de Quintián atópase ó carón dunha pista preto do cemiterio parroquial de Cela. De propiedade pública, ata hai uns trinta anos os nenos que morrían sen bautizar eran enterrados xunto ó mesmo.
Festa en honor á Virxe da Ascensión (o 15 de agosto). Antigamente festexábase tamén o San Benito e o San Roque.
Lugares da parroquia de Cela no concello de Outeiro de Rei (Lugo) | |
---|---|
Bodecedo | A Casanova | Fompedriña | Formistán | As Hortas | Meidonín | Portover | Quintián | O Regueiro | As Retortas | Trabanca | Veiguicela | Ver |