Alejandro Barreiro Noya, nado en Santiago de Compostela o 4 de xuño de 1874 e finado na Coruña o 22 de novembro de 1948, foi un escritor e xornalista galego.
Traxectoria
Estudou na Coruña e Santiago de Compostela. Iniciou a súa carreira xornalística en La Voz de Galicia, do que foi director de 1914 a 1937. Publicou contos de xénero costumista e versos en galego e castelán. En 1905 foi designado primeiro Secretario da Asociación da Prensa da Coruña, contribuíndo á súa fundación. Colaborou na prensa de España e América e foi correspondente de Diario de la Marina da Habana, do Diario Español de Buenos Aires e dos xornais madrileños El Imparcial, El Liberal, La Tribuna, ABC, e Blanco y Negro; tamén colaborou en La Hoja del Lunes da Coruña.
Ingresou na Real Academia Galega o 12 de marzo de 1936 coa lectura do discurso Bernardo Barreiro de Vázquez Varela y su tiempo, respondido por Fernando Martínez Morás. Foi secretario desta institución desde 1937 a 1942 de forma interina e desde entón até 1948 xa elixido no cargo. Pertenceu tamén á Academia Provincial de Belas Artes da Coruña e á de San Telmo de Málaga. Membro de Honra da American Society of Heraldy.
Dirixía La Voz de Galicia cando tivo lugar o golpe de Estado do 18 de xullo de 1936, e ao non dar a noticia de forma triunfal foi multado e apartado temporalmente do posto, ata que foi cesado definitivamente o 11 de agosto de 1937, substituíndoo o falanxista cántabro Maximiano García Venero. A partir de entón quedou como colaborador do xornal, asinando os seus traballos cos pseudónimos de Herculano e Santiago del Burgo.[1]
Vida persoal
Casou con Encarnación López, e foi pai de Alejandro Barreiro López.
Recoñecementos
- Encomenda de Isabel A Católica, Gran Cruz de Wassa (Suecia) e Palmas Académicas de Francia.
- Premio Pérez Lugín da Asociación da Prensa da Coruña en 1942 por De Galicia y de los gallegos
Dende 1968 unha rúa do barrio da Gaiteira, da Coruña, leva o seu nome.[7]