Biografía | |
---|---|
Nacemento | 7 de agosto de 1947. |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | Estadounidense. |
Educación | Universidade de California en Berkeley. Universidade de Pensilvania. |
Coñecido por | Estudos sobre historia do diñeiro e a moeda da República de Venecia. |
Actividade | |
Campo de traballo | Numismática. |
Ocupación | historiador , medievalista |
Lingua | Lingua inglesa |
Familia | |
Cónxuxe | Pamela McAbee (1968-1976). |
Premios | |
(2010): Medalla da RNS. (2021): Premio Giles Constable. | |
Lista
|
Alan Michel Stahl, nado o 7 de agosto de 1947 en Providence, Rhode Island, é un numismático medievalista estadounidense especializado na historia do diñeiro e na moeda da República de Venecia e das súas colonias.[1][2][3]
Stahl graduouse na Universidade de California en Berkeley en 1968.[1] En 1977 acadou o seu doutoramento na Universidade de Pensilvania, coa tese titulada The Merovingian Coinage of the Region of Metz ("A moeda merovinxia da rexión de Metz"), publicada en 1982.[2][3][4]
Foi conservador da sección de moeda medieval da American Numismatic Society entre 1980 e 2000.[1] Asemade, exerceu a docencia na Universidade de Venecia, en Italia, e na Universidade de Míchigan en Ann Arbor, e na Universidade Rice en Houston, nos EEUU.[2][3]
Desde 2004 é o conservador de numismática da Universidade de Princeton, en Nova Jersey, onde tamén ocupa un posto como profesor, nos departamentos de Estudos Clásicos e de Historia.[1][2][3]
Nun dos seus traballos monográficos, publicado en 1985 co título The Venetian Tornesello. A Medieval Colonial Coinage, demostrou a súa hipótese de que a metrópole veneciana impuña unha moeda nos seus territorios coloniais na que non se correspondía o seu valor nominal co seu valor real.[5] En 2000, con The Mint of Venice in the Middle Ages, abundou na moeda veneciana presentando unha análise dos procesos internos da Ceca de Venecia. Os seus traballos sobre a moeda da República Veneciana fixérono merecedor en 2010 da prestixiosa medalla outorgada pola Royal Numismatic Society, de Londres. No acto de entrega do galardón, Stahl pronuinciou a conferencia "Learning from the Zecca: the Medieval Mint of Venice as a Model for Pre-modern Minting", que posteriormente foi publicada como artigo na revista The Numismatic Chronnicle.[6][7][8]
Stahl é codirector do proxecto Michael of Rhodes Project e coeditor do estudo de tres volumes Book of Michael of Rhodes. A Fifteenth Century Maritime Miscellany, publicado en 2009. Trátase da edición dun manuscrito de 1434 obra do veneciano Michele da Rodi, que non foi redescuberto ata 1966.[2][9]
Entre 1984 e 1988 foi o presidente da American Medallic Sculpture Association, e de 1986 a 1987 presidiu o Club Numismático de Nova York.[1]
No ámbito persoal, Stahl estivo casado entre 1968 e 1976 con Pamela McAbee.[1]
Esta é unha escolma dos artigos e dos estudos monográficos publicados por Alan Stahl ao longo da súa carreira:[11][12][13]